Vodafone presenta unha oferta de servizos para cidades intelixentes

mércores, 4 de marzo do 2015 Redacción

Vodafone España vén de facer pública unha iniciativa para achegar aos seus clientes servizos máis intelixentes que fortalezan e alenten a consolidación das Smart Cities. Ou dito doutra maneira: unha iniciativa para favorecer que habitantes das cidades, empresas e profesionais teñan a posibilidade real de implicarse eles mesmos na construción de urbes máis eficientes, mellor xestionadas e máis habitábeis. A nova proposta da operadora chámase Vodafone Cidade Conectada e brinda a opción de desenvolvermos solucións para administracións públicas ou empresas privadas. Por certo que a firma responsábel de achegar a infraestrutura tecnolóxica de hardware, software e servizos precisa para a posta en marcha da iniciativa será a multinacional IBM.
A iniciativa, engade Vodafone, diríxese a impulsar a eficiencia das cidades españolas en diferentes ámbitos: mobilidade, deseño de edificios, seguridade e emerxencias, enerxía, auga, saúde -analítica de datos médicos ou control e seguimento de doentes crónicos-, educación, turismo e comercio intelixente, entre outros eidos. A nova liña de negocio terá o seu centro de operacións no novo Centro de Control e Desenvolvemento Smart que se porá en marcha nas vindeiras semanas en Sevilla, no marco do convenio asinado en setembro de 2014 por Vodafone España e a Xunta de Andalucía, en virtude do cal a operadora investirá máis de 243 millóns de euros nos próximos dous anos para despregar infraestruturas de telecomunicacións, impulsar a creación de tecido empresarial tecnolóxico e desenvolver proxectos que logren superar atrancos culturais e educativos.
Segundo apunta a operadora, grazas á capacidade de adaptación das solucións (flexibilidade e potencial para replicárense) e ao ecosistema xerado polo dito centro, “permitirase o acceso a solucións de Cidades Intelixentes avanzadas a todo tipo de concellos do territorio estatal, tanto grandes cidades como aquelas de tamaño medio que non poden realizar os grandes investimentos decote esixidos por este tipo de proxectos”. Dito doutra maneira: a liña de negocio presentada permitirá que calquera administración local, con independencia do seu tamaño, poida acceder a tecnoloxías Smart de xeito inmediato e sen grandes esforzos. Ademais, a idea é contribuír a que os cidadáns conten con mellores servizos públicos en eidos como a educación ou a sanidade.

PUBLICIDADE