Vodafone sinala que contribuíu con case 5.000 millóns de euros á economía española

martes, 23 de setembro do 2014 Redacción

A empresa de telecomunicacións Vodafone vén de botar a vista atrás para tirar conclusións do exercicio 2013/14 (1 de abril de 2013 ao 31 de marzo de 2014) no que atinxe a contribución económica, social e ambiental da compañía. O dito informe recolle a xestión levada a cabo por Vodafone España, a súa estratexia, obxectivos, resultados e iniciativas. Indo por partes, a contribución económica total de Vodafone España foi de 4.932 millóns de euros, distribuíndose en 758 millóns de euros a persoas, 3.652 millóns de euros a empresas e 522 millóns de euros a administracións públicas. Este investimento, explica a operadora, “permitiu acelerar o despregamento de redes de banda larga ultrarrápida móbil e fixa (4G e FTTH) e o desenvolvemento do plan de transformación da canle de distribución”.
Os obxectivos da estratexia da compañía foron “liderar o desenvolvemento das comunicacións unificadas, achegar o mellor servizo e experiencia de cliente, realizar as súas actividades dunha maneira áxil e eficiente, e ser unha empresa admirada”. Para iso apoiouse en tres alicerces: mellor conectividade (primeira compañía en achegar servizos móbiles 4G en España), oferta competitiva (simplificación e transparencia en prezos e tarifas), experiencia de cliente (cos seus máis de 13 millóns de clientes de telefonía móbil e máis dun millón de clientes de banda larga fixa) e, tamén, unha serie de melloras achegadas este ano (Plan de Transformación da Canle de Distribución que acadará a 752 puntos de venda antes de marzo de 2017, novo deseño de tendas 2.0 e un novo modelo de atención comercial baseado na tecnoloxía, con Apptualizadores en tendas propias e franquías).
Pola súa banda, os servizos de atención telefónica (en sete idiomas) conseguiron incrementar nun 27% as resolucións en primeira chamada. En atención en liña chegouse á cifra de 1,7 millóns de usuarios ao mes nas áreas privadas da web.
Por outra banda, Vodafone informa que seguiu a promover actuacións para fomentar o uso seguro e responsábel dos seus produtos e servizos por menores, e fíxoo mediante varias ferramentas (controis parentais, apps como Safety Net ou Vodafone Kids, bloqueos de contidos ilícitos, etc.), como actividades de sensibilización e formación (portal para pais, cartóns súper-poderes en web, etc.).
Dende o punto de vista social, Vodafone España contribuíu con máis de 22.650 empregos directos e indirectos durante o exercicio 2013-14, e ten 3.711 empregados en España. Así mesmo, puxéronse en marcha diferentes programas de formación. Cómpre salientar: Plan Signo (con tarifas especiais para as persoas con discapacidade auditiva), dispositivos para persoas maiores (Alcatel 20.00) e accesibilidade en tendas e web. Neste senso, a Fundación Vodafone España adicou 5 millóns de euros en 2013-14 para proxectos de innovación (aplicacións e plataformas accesíbeis) e proxectos sociais (de formación en novas tecnoloxías, actuacións en universidades e integración social e laboral) para mellorar a calidade de vida, o envellecemento activo, e a integración socio-laboral das persoas, especialmente dos grupos vulnerábeis.
En canto á contribución ambiental, as iniciativas de eficiencia enerxética introducidas neste período permitiron á compañía reducir o consumo de enerxía por elemento de Rede nun 34,7%, avanzando na consecución do obxectivo de redución do 50% para 2020 fronte ao consumo de 2006-07.
Os servizos de M2M, fundamentais para o desenvolvemento das denominadas cidades intelixentes e a mellora dos sistemas de loxística, contadores eléctricos, etc. No apartado de novidades, sinalamos a chegada dos servizos de Vodafone Wallet e Vodafone Smartpass, para poder efectuar pagos co móbil.

PUBLICIDADE