Voluntariado Dixital recibe o apoio formal de 67 novas entidades

martes, 26 de xuño do 2012 Redacción

A iniciativa posto en marcha por AMTEGA e a Consellería de Traballo para tirar proveito do potencial solidario dos internautas galegos en labores de dinamización e formación (cara a quen non fai uso, aínda, das novas tecnoloxías) vén de recibir a adhesión formal de 67 novos apoios, todos eles comprometidos con traballar, de xeito desinteresado, por facer desaparecer a fenda dixital. Así o fixeron saber na mañá deste martes 26 de xuño os responsábeis do devandito Programa de Voluntariado Dixital, que, segundo puntualizaron, “busca facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a persoas maiores e persoas con discapacidade co apoio de persoas voluntarias”.
En termos máis concretos, un total de 41 entidades de acción voluntaria, 10 organismos públicos e privados e 16 empresas do sector TIC asinaron este martes os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no Programa. A este apoio cómpre “sumar o dos 191 voluntarios que se adheriron á iniciativa en xaneiro e que poñen á disposición das entidades de acción voluntaria o seu tempo e coñecementos naqueles proxectos relacionados coas TIC que estean realizando”.
A iniciativa, engadiron os promotores do mesma, “suma así a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital”.
O acto de sinatura dos convenios estivo presidido pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e máis o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro. En representación dos asinantes interviñeron Anxo Queiruga, presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade na Comunidade (CERMI Galicia); María Luisa Ansorena, presidenta da Unión Democrática de Pensionistas; Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia; Manuel Ruiz, alcalde Ribeira en representación da FGAMP; e Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente e presidente en funcións do Cluster TIC Galicia.

Mar Pereira e Ovidio Rodeiro, na sinatura dos protocolos de colaboración con 67 entidades que se adhiren ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia


Entidades de acción voluntaria
Baixo este epígrafe o programa aglutina ás 41 asociacións sen ánimo de lucro dirixidas fundamentalmente aos colectivos de maiores e persoas con discapacidade, xunto cos 15 concellos que participan directamente na execución desta iniciativa solicitando voluntarios para proxectos do ámbito dixital que xa está a desenvolver ou outras iniciativas relacionadas coas TIC que desexen poñer en marcha.

Mecenas dixitais e organismos colaboradores
As 16 empresas do sector tecnolóxico adheridas ao programa actúan como mecenas dixitais contribuíndo economicamente na formación de voluntarios, na doazón de equipamento TIC e outros bens, na cesión de uso de espazos TIC, apoiando a comunicación ou financiando eventos específicos. Os 10 organismos colaboradores son tanto entidades públicas e privadas que se ocupan de realizar actividades de difusión entre os seus colectivos de actuación, cedendo o uso de espazos TIC e participando na selección e formación de voluntarios.

Voluntarios
Actualmente están adheridos ao programa 191 voluntarios dixitais, todos eles cun perfil común de internauta maior de 18 anos, con coñecemento tecnolóxico de usuario medio capaz de axudar cos seus coñecementos e sentido da solidariedade á alfabetización dixital. Os voluntarios completaron en abril o programa de capacitación incluído no Plan de Formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e xa comezaron a colaborar coas entidades de acción voluntaria. A día de hoxe xa xestionaron preto dunha decena de apoios dixitais e están previstas entre xullo e setembro máis de 30 accións en colaboración coas aulas para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT). A coordinación entre a oferta e a demanda de voluntarios é xestionada pola unidade de coordinación VolDixital. Esta unidade, integrada por profesionais da Amtega e da Dirección Xeral de Voluntariado, é a encargada de poñer en contacto ás entidades de acción voluntaria a e ás persoas voluntarias para a realización das iniciativas de apoio dixital.

Incrementa a oferta pública de alfabetización dixital
Con esta iniciativa compleméntase ás actuacións que está xa a levar a cabo a Xunta no ámbito da alfabetización dixital coa rede de aulas CeMIT, nas que en 2012 se impartirán 3.000 cursos a 15.000 usuarios. As actividades do Programa de Voluntariado dixital permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade, que representan o 92% deste colectivo en Galicia, reforzando así as actuacións para reducir a fenda dixital.

Apoio da infraestrutura pública
O Programa de Voluntariado Dixital conta coa infraestrutura e equipamento tecnolóxico da Adminstración autonómica como as 98 aulas da Rede de aulas CeMIT, as máis de 300 bibliotecas públicas, os 79 centros sociocomunitarios, os 81 centros CeDIM e outros recursos que poñan á disposición do programa tanto os mecenas como as entidades colaboradoras. O programa está integrado nunha das liñas estratéxicas de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia e no Plan Galego de Acción Voluntaria 2001-2014.

Para quen desexe saber, punto por punto, a identidade das novas entidades colaboradoras e os mecenas dixitais, dicirlle que figuran na nota de prensa emitida por AMTEGA ao respecto destas novidades.

PUBLICIDADE