Voluntariado Dixital recunca colaborando na Market Faire Galicia

xoves, 25 de agosto do 2016 Redacción

A comezos de outubro temos en Compostela unha cita coa filosofía do “faino ti mesmo” aplicada á innovación tecnolóxica. Falamos da Maker Faire Galicia, un encontro para visualizar os últimos avances da robótica, a intelixencia artificial, o software e a tecnoloxía en xeral, e tamén para construílos e participar de cheo neles. A cita celébrase os días 1 e 2 no Pazo de Congresos de Santiago e está concibida para dar acubillo a grandes e pequenos. O obxectivo: potenciar unha Galicia innovadora e colaborativa. Entre os colaboradores do evento está (por segundo ano consecutivo) o Programa Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia. Este apoio materialízase sobre todo no fomento da participación das persoas voluntarias na preparación e desenvolvemento da Maker Faire Galicia.
Segundo informan os responsábeis do dito Programa, “as persoas con curiosidade, creatividade e gañas de axudar, poderán apoiar este evento dende días soltos en fins de semana de setembro para a preparación de material ou elaboración de paneis e elementos decorativos ata o apoio na montaxe e desmontaxe da cita, na información a visitantes ou no desenvolvemento das propias actividades da Maker Faire”.
Para as/os interesadas/os en colaborar como voluntarias/os, dicirlles que xa hai un formulario de rexístro en Voluntariado Dixital, sendo posíbel apoiar o evento formalizando previamente a inscrición en liña.
Lembrar que o Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e que conta xa (a día de hoxe) con 700 aliad@s dixitais. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos (persoas maiores, persoas con discapacidade, etc).

PUBLICIDADE