Webseries, aplicacións e revistas dixitais, ingredientes TIC da nova edición de Culturgal

mércores, 26 de novembro do 2014 Redacción

A edición 2014 do Culturgal, salón da industria cultural galega, celébrase entre o venres 5 e o domingo 7 de decembro. A cita, unha vez máis, será nas instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se desenvolverá un programa cargado de actividades: máis de 150 accións ligadas aos máis diversos eidos da nosa creatividade: dende literatura a música, pasando por artes escénicas, cinema, artes plásticas, gastronomía e, por suposto, novas tecnoloxías da información. Segundo nos contan os organizadores, está previsto que nas xornadas se dea cabida ao meirande número de representantes da nosa cultura, ao tempo que se tentará cubrir o horizonte máis amplo posíbel en materia de público: “Dende os picariños en cueiros (que teñen a nova sección Espazo Bebés ao seu dispor, até os profesionais e programadores, terán a oportunidade de coñecer as novidades máis recentes que presentan os 70 expositores”.
Por certo que a feira presentouse a semana pasada, nunha cita cos medios na que se avanzaron as principais características desta edición, a sétima, que será unha edición de pago (cousa que xa se comezou a afianzar o ano pasado), cun prezo de dous euros para adultos e un euro para os cativos. Segundo fixo saber o editor Manuel Bragado, presidente da Asociación Culturgal, o salón e todo o que implica o salón é un “proxecto colectivo” que se constrúe dende a “ledicia, o afecto e a colaboración” dos diferentes sectores culturais da nosa terra. Con todo, sinalou, a verdadeira enerxía é a que vén do público ao que se se dirixe.
Tecnolóxica e dixitalmente falando, o programa semella completiño. Por unha banda, presentaranse as webseries Poetarras, Clases do social, Dalle Jas!, De volta ao rural, Fame e Interfecto, acompañadas de coloquios cos seus actores e directores. Pola outra, daranse a coñecer iniciativas galegas de gran interese como a revista dixital O Botafumeiro, ou a publicación en liña Magazine, da xornalista Montse Dopico. Falarase de técnicas de financiamento a través das redes (crowdfunding) da man de Pablo Nimo e David Santomil, e afondarase, por boca dos seus responsábeis directos, nas vantaxes e funcionalidades de CreaAppcuentos, unha aplicación galega para dispositivos con Android e iOS que nos permite a creación de contos ou historias dun xeito sinxelo.

PUBLICIDADE