Western Digital comercializa un disco duro externo deseñado para a Xbox One

xoves, 2 de xullo do 2015 Marcus Fernández

As consolas de nova xeración chegaron ao mercado cunhas capacidades de disco claramente insuficientes a longo prazo, xa que os seus 500 GB nalgúns casos forza a ter que estar desinstalando xogos para poder gozar de títulos novos, o que resulta pesado xa que os procesos de instalación son bastante lentos, de aí que este verán estean a estrearse modelos con 1 TB de disco, pero para solucionar esa carencia non é preciso cambiar de consola, senón que tamén pode facerse mediante accesorios externos, e pensando niso Western Digital pon á venda o seu novo disco duro WD My Passport X.
Estamos ante un disco duro de 2 TB de capacidade, conectividade USB 3.0, unhas medidas de 81,5 x 110 x 20,9 milímetros e 230 gramos de peso, que destaca por unha carcasa que imita o deseño da Xbox One, de xeito que casaría ben coa consola de Microsoft, e serviría para poder instalar unha media de 50 xogos, o que debería ser máis que suficiente para calquera usuario durante a vida da súa consola.
Para empregar o disco duro na Xbox One chega con conectala á consola e seguir os pasos en pantalla (para dar formato á unidade), de xeito que en poucos minutos a consola queda lista para poder empregar o disco duro externo para gardar xogos. De feito, incluso é posible empregar o disco duro para levar os xogos a casa dos nosos amigos sen ter que padecer o proceso de instalación dos mesmos (aínda que no caso de ser un xogo mercado en disco, será preciso levar tamén o xogo orixinal para poder verificara a copia). O prezo de venda recomendado desta unidade de disco é de 139,99 euros.

O disco duro externo promociónase como unha solución para non ter que estar a desinstalar xogos constantemente na Xbox One debido ao seu disco duro interno de só 500 GB

PUBLICIDADE