WhatsApp permite responder mensaxes dende a caixa de notificacións da súa última beta

martes, 29 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Os usuarios que descargaron a aplicación de WhatsApp para Android dende a páxina web da compañía ou que están inscritos no programa de testing oficial poden xa gozar dunha versión do servizo de mensaxería instantánea que inclúe numerosas novidades que de seguro que serán benvidas, entre as que destaca a posibilidade de responder mensaxes dende a propia notificación no sistema (de xeito que cando recibimos un WhatsApp podemos premer nun botón de resposta na fiestra emerxente de notificación para poder logo teclear o texto co que queiramos responder, publicar algunha emoticona ou incluso deixar unha resposta falada.
Outra funcionalidade bastante rechamante é a de poder facer seleccións múltiples cando prememos na imaxe dun dos nosos contactos, para logo poder realizar accións que se aplicarían a varios contactos á vez. Destaca o feito de que as opcións dispoñibles amósanse de xeito intelixente, buscando o común denominador.
Dende hai varios días tamén é posible acceder a outra nova opción á hora de definir os fondos de pantalla que queremos ter nas nosas conversas, que agora presenta unha nova opción (colocar unha cor sólida de fondo).

PUBLICIDADE