WhatsApp volve operar no Brasil

mércores, 4 de maio do 2016 Marcus Fernández

A histórica repítese, e como aconteceu co bloqueo a WhatsApp no Brasil o pasado mes de decembro, o bloqueo desta semana, determinado para 72 horas, levantouse ao pasaren 24, e a maxistrada do Consello Nacional de Xustiza, Fátima Nancy Andrighi, irá máis aló e analiza se o xuíz Marcel Maia Montalvão, quen ordenara o bloqueo, cometera un abuso de poder na súa decisión.
A apertura dunha reclamación disciplinar contra o xuíz estudará se houbo abuso de poder pola práctica dun “acto exacerbado que supere o límite do razoable”, o que parece que é o caso, xa que bloquear un servizo de telecomunicacións a 100 millóns de usuarios por mor dun conflito entre as autoridades xudiciais e unha compañía estranxeira parece a todas luces esaxerado, especialmente se temos en conta que WhatsApp leva tempo insistindo no feito de que non pode subministrar ao xuíz a información que solicita porque carecen da mesma. WhatsApp non gardar históricos das mensaxes dos seus usuarios, polo que non pode facilitar as autoridades copias de comunicacións ante investigacións policiais, polo que as represalias xudiciais parecen totalmente fóra de lugar.

PUBLICIDADE