WhatsRemote permite usar WhatsApp dende o computador

mércores, 6 de agosto do 2014 Redacción

O servizo WhatsApp está a ampliar horizontes. Por exemplo: cara ao noso computador. Segundo puidemos saber estes días, xa está dispoñíbel unha aplicación, WhatsRemote, para empregar o dito servizo de mensaxería de texto dende os ordenadores persoais. O seu método é o seguinte: funciona coma un cliente remoto que se conecta co móbil actuando igual ca un servidor. Para usarmos esta aplicación só teremos que instalala no noso dispositivo Android e logo activar os permisos requiridos. A partir de alí, opera do mesmo xeito ca un servidor de WhatsApp que poderemos activar ou non dende o noso navegador as veces que desexemos facelo.
WhatsRemote é compatíbel con calquera navegador. Dispón de funcións como notificacións sonoras e alertas visuais no escritorio avisándonos de que recibimos unha mensaxe. O servizo en cuestión, que non é de balde aínda que permite tres días de período de proba (a partir de aí custa 1,3 dólares cada seis meses), só funciona polo de agora sobre Android, e todo indica a que non haberá versión para iOS.

PUBLICIDADE