Wiffinity pon en contacto a comercios e clientes vía Wi-Fi

venres, 24 de abril do 2015 Redacción

Estes días estase a presentar con todo luxo de detalles o proxecto Wiffinity, portal e aplicación dirixidos a conectar comercios e clientes vía tecnoloxía de acceso Wi-Fi. A iniciativa vén da man da empresa do mesmo nome, recoñecida recentemente como unha das mellores 11 startups europeas no certame StartupBootCamp de Amsterdam (seleccionadas de entre un total de 400). Alí precisamente, en Holanda, estase a materializar o chimpo da empresa a Europa, un salto que os responsábeis da iniciativa agardar consumar ao longo dos vindeiros tres meses. Polo que se refire á traxectoria trazada en España, xa contan con medio milleiro de locais afiliados a Wiffinity en Madrid e no resto do ámbito estatal.
Wiffinity, lanzada por catro emprendedores dende Madrid, ten a súa orixe nunha constatación: a constatación dos problemas que teñen na actualidade as empresas de venta ao detalle (en inglés retail) para comunicárense e manter contacto e relacións con clientes actuais e potenciais. Visto e comprobado isto, os responsábeis de Wiffinity propuxeron unha solución orientada tanto ao comercio como aos clientes, pondo a disposición de cada un unha ferramenta. Para os comercios, un portal web (wiffinity.com) e para os clientes unha aplicación móbil para Android e iOS. Segundo nos contan, “o que buscabamos foi achegar aos aos establecementos unha ferramenta de mercadotecnia boa e sinxela de usar, que lles facilitase coñecer, comunicarse e dar aos clientes un trato VIP e personalizado como se merecen, ademais de poder enviarlles ofertas, mensaxes de benvida ou enquisas, elixindo a mensaxe perfecta, no intre axeitado ao cliente indicado”. Todo iso, engaden, “sempre no punto de venda e vía Wi-Fi”.

PUBLICIDADE