Windows 10 inclúe un reprodutor de DVD para os anteriores usuarios de Media Center

xoves, 30 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Cando se lanzou Windows 8 moitos usuarios puideron actualizar dende Windows Vista/7 a un prezo promocional de 29,99 euros, facéndose así con Windows 8 Pro e coa posibilidade de adquirir de balde o software de Media Center, e agora que estes usuarios actualizan a Windows 10 atopan unha curiosa situación: Microsoft decidiu eliminar de Windows 10 o software de Media Center por considerar que o público non facía uso do mesmo, e para compensar a todos os usuarios que tiñan tal aplicación, de xeito provisorio incluíronlles a aplicación Reprodutor de DVD de Windows, unha versión do reprodutor multimedia ordinario deseñada para poder visualizar películas en DVD sen ter que adquirir aplicacións adicionais (como o popular PowerDVD).
Dende Microsoft lembran que esta nova aplicación só estará incluída no Windows 10 en caso de ter adquirido a aplicación de Media Center no pasado, de xeito que os usuarios que non gozasen da mesma deberán mercala a través da tenda de aplicacións ou adquirir outra aplicación de reprodución de discos ópticos. A nova aplicación non reproduce discos Blu-ray, polo que non sería unha solución todo o completa que sería desexable, á vez que conta cunha interface bastante básica, de xeito que non suporía unha grande competencia para aplicacións máis avanzadas.

PUBLICIDADE