Windows 10 mellorará a súa relación con Android e iOS

martes, 26 de maio do 2015 Marcus Fernández

Windows 10 non só é un sistema operativo con versións para distintos tipos de dispositivo, senón que tamén buscará achegar os seus servizos a dispositivos doutras plataformas, de xeito que, aínda que consideren que as aplicacións universais abren un amplo abano de posibilidades a smartphones con Windows 10 Mobile, non queren deixar de lado aos moitos usuarios que aínda teñen teléfonos con iOS e Android, de aí que presente que o novo sistema operativo de Microsoft vai incluír unha aplicación Phone Companion, que facilitará a conexión do ordenadores co smartphone.
Ao abrir esta nova aplicación preguntarásenos se o noso smartphone é un Windows Phone, un Android ou un iPhone, para facilitar a súa integración co ecosistema Windows, de xeito que aproveitará a aplicación de OneDrive para permitir que os contidos estean maxicamente dispoñibles no ordenador e no telefono (do que se beneficiarían especialmente as nosas fotografías, a música, a anotacións e os documentos ofimáticos).
Microsoft tamén esta a preparar a adaptación do seu asistente persoal, Cortana, que non só chegará a Windows 10 dende Windows Phone 8.1, senón que tamén contará con aplicacións de seu en Google Play e na App Store, polo que usuarios de Android e iOS poderán gozar de boa parte das bondades de Cortana (para funcións como buscar na web, ditar correos electrónicos ou programar recordatorios; aínda que haberá funcionalidades que si están presentes en Windows Phone que non se verán en iOS e Android por limitacións destes sistemas, que non facilitan o nivel de acceso ao sistema preciso para as funcións máis avanzadas (por exemplo, invocar a Cortana mediante unha orde de voz será exclusiva de teléfonos e ordenadores con Windows).
Aparte da aplicación para facilitar a configuración do móbil cos servizos de Microsoft, e a chegada de Cortana a plataformas móbiles de Google e Apple, Microsoft tamén confirma a actualización da aplicación de Xbox Música para Android e IOS, de xeito que agora permitirá a posibilidade de reproducir de balde a música que teñamos almacenada en OneDrive sen que ocupe espazo no noso dispositivo.
Estás novas prestacións comezarán a probarse nas vindeiras semanas, estando previsto que a aplicación de Cortana para Android estea dispoñible a finais de xuño, mentres que a de iPhone chegaría a finais de ano. A actualización de Xbox Música para Android e iOS espérase para finais de xuño ou no mes de xullo, introducíndose o streaming dende OneDrive como unha funcionalidade beta.

A aplicación de Phone Companion facilitará a configuración de distintas aplicacións que xestionarán os servizos que farán de ponte entre o ordenadores e o teléfono


Vídeo de presentación da aplicación Phone Companion

PUBLICIDADE