Windows 7 baixa do 50% do parque de equipos informáticos global

luns, 2 de maio do 2016 Marcus Fernández

Dende NetMarketShare veñen de actualizar as súas estatísticas de distribución de sistemas operativos a nivel mundial, nas que podemos ver como o pasado mes de abril Windows 7 baixa do 50%, quedando nun 48,79% do parque de equipos informáticos (que en marzo era do 51,89%), quedando moi por enriba de Windows 10 (14,35%) pero indicando unha tendencia imparable, pero que confirmaría que Windows 7 estaría a consolidar unha posición semellante á de Windows XP no seu momento (converténdose na versión de Windows resistente ao cambio).
Mentres Windows 8 e Windows 8.1 non parecen ser versións do sistema operativo de Microsoft que convenzan ao público, sorprende ver como a terceira versión de Windows con máis usuarios continúa a ser Windows XP, que pese a carecer de soporte (ou sexa, que o seu uso é todo un risco para a seguridade informática) acapara o 9,66% dos equipos informáticos, o que pode considerarse como un grande problema para o resto de equipos conectados á Internet (xa que a existencia dun elevado número de equipos vulnerables a ataques coñecidos facilita a distribución do malware e a realización de ataques de denagación de servizo).
Resulta curioso que entre Windows 7, Windows 8 e Windows 8.1 sumen aínda o 60,9% dos ordenadores, xa que só faltan uns tres meses para que remate a promoción que permite a estes sistemas actualizar a Windows 10 de balde, pois superado o 29 de xullo a actualización será de pagamento.

PUBLICIDADE