Windows Phone supera por primeira vez a iPhone en España

mércores, 30 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Kantar Worldpanel ComTech vén de facer públicos os seus datos sobre o mercado mundial de smartphones relativos ao trimestre que remata o pasado mes de xuño, desvelando que Android mantén o seu liderado en Europa cunah cota de mercado do 74%, seguido por Apple co 15,3% e Windows Phone co 8,8%, destacando este último por conseguir medrar en 1,9 puntos. Pero e consultamos os datos por países relativos ao mes de xuño atopamos un detalle moi salientable: Windows Phone (co 7,5%) supera por primeira vez a iOS (co 6,8%) en España, mentres que Android mantén unha posición moi vantaxosa (84,3% do mercado).
É difícil prever se a tendencia vai manterse, especialmente despois da venda da división de móbiles de Nokia a Microsoft, pero dispositivos como o Nokia Lumia 530, que por un prezo libre de 85 euros + IVE ofrecerá unhas prestacións máis que aceptables a partir do mes que vén poderían contribuír a que Windows Phone 8.1 se consolide como un sistema operativo móbil solvente e asumible, conseguindo colocarse a medio camiño entre Android e iOS.
Outro dato destacado por Kantar, e que pode resultar moi sorprendente, é que no Reino Unido o iPhone 5C consegue unhas vendas moi semellantes ás do iPhone 5S, atraendo a un público diferente (principalmente feminino), contrastando cos datos globais que daban a entender que o iPhone con carcasa de policarbonato era un fracaso.
En mercados emerxentes como o chinés tamén destaca o feito de que Xiaomi conseguise ocupar o 27% do mercado, adiantando a Samsung (21,1%). Tamén conseguen unhas boas vendas outras marcas locais como Huawei e ZTE, comportamento que podería trasladarse a outros mercados en detrimento do peso que actualmente ten Samsung no mercado global da telefonía móbil.


Anuncio televisivo do novo Nokia Lumia 530

PUBLICIDADE