WordPress.com renóvase radicalmente

martes, 24 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Unha das plataformas de publicación vía web máis coñecidas a nivel mundial, WordPress.com, está a transformarse profundamente para atender ás novas tendencias e tecnoloxías, para o que están a desenvolver o proxecto Calypso, que parte dun prototipo deseñado en HTML/CSS, e que alimentarase a través de JavaScript e unha API, desenvolvemento posible grazas á adquisición de Cloudup por parte de Automattic, de xeito que o panel de administración de WordPress.com deixará de ser unha aplicación baseada en PHP, para centrarse no uso de JavaScript.
Estamos así ante unha auténtica revolución no servizo, que alteraría radiclamente a súa administración, que agora podería realizarse comodamente a través de aplicacións nativas de escritorio, das que veñen de estrear a de OS X (e que en breve contará tamén con versión para Windows e Linux) de xeito que WordPress.com transfórmase para converterse nunha plataforma máis acordes ás novas tendencias en liña, grazas a Calypso, software de código aberto que agora parece maduro dabondo para dar o salto ás grandes ligas e poder coller o relevo do xestor de contidos que antes optaba pola combinación de PHP e MySQL para soster a estrutura do seu panel de control.
Actualmente a cuarta parte das páxinas web a nivel mundial funcionan con WordPress, e aínda que a adopción de Calypso por parte de WordPress.com non supón a desaparición do proxecto orixinal, as grandes vantaxes que achega a nova tecnoloxía podería levar a que numerosos espazos web a adopten nos vindeiros meses, xa que a nova tecnoloxía adoptada por Automattic mantén os mesmos compromisos de desenvolvemento aberto (e espérase a súa integración nas futuras versións de WordPress.org).
Calypso presume de ser rápido, escrito puramente en JavaScript, alimentado 100% por API (aberta ao mundo), con integración social e de estatísticas, con soporte multi-sitio, permitindo a carga de imaxes con só arrastrar e soltar, con soporte de plugins e temas (que tamén poderán administrarse de xeito doado), personalizable e cun código totalmente aberto.

PUBLICIDADE