WordPress para iOS incorpora soporte de vídeo

xoves, 21 de maio do 2015 Marcus Fernández

Publicar contidos dende dispositivos móbiles non sempre é doado, especialmente se falamos de iOS, que ten numerosas limitacións no que ao acceso a ficheiros se refire, de aí que para publicar en blogs sexa recomendable contar con aplicacións específicas en vez de recorrer ao seu panel de control web, e unha destas ferramentas que está a mellorar considerablemente é a aplicación de WordPress para iPhone e iPad, que tanto serve para cadernos publicados en WordPress.com como en blogs independentes que usen WordPress 3.6 ou superior.
Inicialmente esta ferramenta limitábase a permitir crear e editar entradas e páxinas, facilitando a incorporación de imaxes e permitindo tamén moderar comentarios, pero agora permite tamén engadir vídeos ás entradas, de xeito que pódese tanto gravar como subir un vídeo dende dispositivos iOS cuns poucos toques.
Adicionalmente a aplicación tamén mellorou a súa icona de notificacións, que agora presenta un punto laranxa sobre a mesma para destacar cando quedan notificacións novas por ler.

PUBLICIDADE