Xa é posible xogar a Hearthstone dende o móbil

martes, 14 de abril do 2015 Marcus Fernández

O xogo de cartas coleccionables Hearthstone: Heroes of Warcraft está a converterse en todo un fenómeno, e tras completar a súa chegada a ordenadores persoais e a tabletas (completado este último o pasado mes de decembro) temos agora que Blizzard actualizou a aplicación para Android e a de iOS para incorporar en ambos casos a posibilidade de gozar deste título en pantallas pequenas, ou sexa, en smartphones, de xeito que este xogo de moda consegue así chegar a un público maior, e facilitando que poida gozarse das súas partidas en case calquera momento e lugar.
Temos así que a interface de uso deste adictivo xogo adáptase para que poida controlarse comodamente na pantalla dun iPhone (a partires dun iPhone 4S), dun iPod Touch ou dun smartphone con Android (a partires da versión 4.0), o que muda considerablemente o sistema de control, facéndoo menos agradable e áxil, pero suficiente como para manter as mecánicas de xogo (de xeito, os progresos compartiranse entre as distintas versións do xogo).
Blizzard premiará aos usuarios que xoguen unha partida completa cun lote de cartas clásicas de balde, aínda que temos que lembrar que este xogo que pode descargarse de balde inclúe contidos de pagamento que replican o modelo dos xogos de cartas coleccionables tradicionais, xa que consisten en sobres de cartas para poder incluír no noso mazo.

PUBLICIDADE