Xa podemos pedir á Xunta o recibo de notificacións en formato electrónico

luns, 9 de xaneiro do 2017 Redacción

Este 2017 que vén de comezar a cidadanía galega xa está en disposición de pedir á Administración autonómica notificacións en formato electrónico. E poderá facelo a través do sistema Notific@, un servizo que permite o envío de comunicacións con acuse de recibo e selo electrónico da Xunta, coas características de seren “fidedignas” e de poder a Xunta confirmar o acceso e mailo rexeitamento da notificación. Segundo vén de informar o Goberno galego, este tipo de solicitudes dixitais está activado xa en 290 procedementos e estenderase a máis ámbitos e tramitacións ao longo do ano entrante.
A Xunta tamén engade, volvendo ao sistema Notific@, que aquelas persoas que non teñen a obriga de relacionárense en liña coa Administración (teñen esta obriga persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, profesionais con colexiación obrigatoria e empregados públicos), poden seleccionar o medio de notificación preferente, ben a través de Notifica.gal por ou vía postal. “Con independencia da opción elixida a Administración creará sempre de oficio un enderezo habilitado en Notific@ para que poida optar por esta vía cando o desexe”, explica a Xunta, engadindo que Notifica.gal funciona como “un enderezo electrónico”. Desta maneira, explica a Administración, o usuario só ten que darse de alta (a través do formulario de iniciación do procedemento administrativo correspondente ou polo propio sistema notifica.xunta.gal). “Logo disto”, infórmase, “o receptor da comunicación ten en Notifica.gal unha caixa de correo electrónica ligada ao seu NIF ou certificado electrónico e alí poderá consultar a comunicacións recibidas”. Previamente, iso si, recibirá un aviso de que ten unha misiva pendente no móbil ou correo electrónico que indicara durante a alta. Asemade, pode autorizar a calquera outra persoa a acceder ao contido das súas notificacións a través da opción Administrar Autorizacións dentro de As Miñas Opcións.
Como dixemos, a Administración autonómica sinalou que ten activados a día de hoxe 290 procedementos habilitados co devandito sistema, sendo o programa ir abranguendo ao longo de ano os restantes procesos incluídos na Guía de Procedementos e Servizos da Xunta que requiren de notificación. Ademais, rexistráronse máis de 26.000 comunicacións electrónicas de 20 procedementos ao longo de 2016. Ademais, explica a Xunta, “estase a traballar na catalogación, codificación e habilitación da notificación daqueles procedementos a instancia de parte ou de oficio que actualmente non están incorporados na guía”.
Lembrar que o Consello da Xunta do pasado 22 de decembro aprobou establecer o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia, Notifica.gal, como “a canle única para o envío das notificacións electrónicas a cidadanía por parte de todo o sector público autonómico.

PUBLICIDADE