Xa se poden presentar candidaturas para os terceiros premios #INLUGO

venres, 24 de abril do 2015 Redacción

A nova edición do encontro #InLUGO, a terceira xa, vén con algo máis que relatorios de primeiro nivel: vén con recoñecementos ao labor ben feito en materia de innovación tecnolóxica e na busca de novos camiños de mellorar o mundo a través das TIC. En palabras da Deputación de Lugo, de novo á fronte da organización do congreso, o obxectivo dos premios é “promover e distinguir as iniciativas, persoas ou organizacións da provincia que están a destacar no bo uso de Internet e as novas tecnoloxías en diferentes ámbitos”. O prazo para presentar candidaturas para os galardóns fica aberto até o 5 de maio (20.00horas). Os recoñecementos entregaranse publicamente o 9 de maio no marco do III Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO, como broche final ao mesmo.
Para os internautas que aínda non o saiban, informarlles que #INLUGO é un foro de balde para todos os públicos, dirixido a xuntar na Cidade da Muralla a algúns dos persoeiros e especialistas de Internet de meirande prestixio, e encamiñado tamén a ser unha plataforma de promoción de iniciativas, persoas ou organizacións da provincia ligadas ao universo dixital.
As categorías que compoñen o certame son catro: Comercio, Lecer e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Social, e finalmente Tecnoloxía. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, un xurado formado por expertos da Deputación de Lugo será o encargado de valorar todas as propostas e elixir o gañador en cada unha das catro categorías.
Na pasada edición dos Premios INLUGO foron preto de 80 as candidaturas presentadas. Neste caso, as iniciativas galardoadas nas diferentes categorías foron:
● Comercio, Lecer e Restauración: Mi Pequeño Vestidor
● Educación e Formación: Karmah Yoga e Meditación
● Cultura e Social: Cool Films Galicia
● Tecnoloxía: Vamos a Vidas

PUBLICIDADE