Xeoinquedos organiza este venres pola tarde un curso de balde sobre Openlayers

venres, 20 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Este venres 30 de maio a comunidade Xeoinquedos (grupo local de Geoinquedos) está a organizar un curso no Campus da Coruña sobre OpenLayers, tecnoloxía orientada a facilitar o desenvolvemento de visores de mapas na Internet a través de linguaxes JavaScript. Xeoinquedos, que xorde na nosa terra como unha proposta para tentar abranguer e dar acubillo a tódolos usuarios de novas tecnoloxías interesados en temática de información xeográfica e xeomática en contornos locais, pretende con este curso (que é de balde) realizar “unha pequena introdución a OpenLayers cun enfoque informal e práctico”, achegando marxe para a participación plena dos asistentes.
A actividade consta dunha introdución (na que se explican de xeito breve en que consiste OpenLayers e outros conceptos precisos para todo o seminario) e dunha serie de obradoiros sobre manexo de capas (como incluír algunhas das capas no seo das definidas en OpenLayers), controis (explicación das funcións de interacción do visor) e interacción co servidor a través de protocolos estándares.
O seminario está a impartirse na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos (sinalizado en ikimap), a partir das 16.00 horas. Para participar nel só é preciso achegar os nosos datos persoais nun formulario de inscrición específico.
O curso, que conta co apoio de CartoLab, foi programado e desenvolvido por Xurxo Méndez e Gracia Fernández, ámbolos dous pertencentes ao Grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Electrónica e Sistemas da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE