Xesol crea o asistente de condución intelixente con máis ángulos de visión aumentada do mundo

luns, 19 de decembro do 2016 Redacción

A presentación da tecnoloxía de Xesol nunha fotografía de Miguel Villar para La Voz

O pasado venres 16 de decembro o ourensán Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole acollía a presentación do asistente galego de condución intelixente (ADAS) de Xesol Innovation, empresa viguesa de mobilidade sostíbel que vén de engadir ás súas sedes de Vigo e Madrid (no Campus Google) a da Tecnópole. O dito mecanismo, que estará á venda para particulares no primeiro semestre de 2017, atópase inserido no proxecto SmartCars, que esta start-up leva desenvolvendo dende o seu nacemento hai catro anos. En canto a novidades, dicir que o dispositivo en cuestión pode ser implantado en calquera vehículo fabricado a partir do ano 2000 sendo, en palabras dos seus creadores, “moito máis preciso sobre os sistemas xa existentes”, pois basea a súa tecnoloxía de detección na visión artificial (en troques de infrarroxos ou radares) co maior número de ángulos de visión aumentada do mercado (tres cámaras de visión artificial), alén de considerarse intelixente porque achega un sistema de aprendizaxe rápida.
O sistema foi deseñado para ser instalado de xeito sinxelo en calquera coche xa en uso, á marxe da gama á que pertenza, o que fai que a condución avanzada estea ao alcance de calquera usuario. Porén, dende a empresa anuncian a posibilidade de incorporalo tamén de fábrica en vehículos novos, caso no que podería completarse con funcións de vehículo autónomo (freado automático fronte a un obstáculo ou desvío no caso de perigo).
É xusto informar que existe un único sistema semellante no mercado, desenvolvido pola empresa israelí Movileye, coa diferencia de que este só está dotado dunha cámara frontal, mentres que o de Xesol conta con tres cámaras.
Mediante este sistema, o condutor ten a tranquilidade de recibir información inmediata que pode que o seu ollo non perciba por despiste, fatiga, falta de reflexos ou visibilidade. Deste xeito, mediante sinais visuais e sonoras, o asistente alerta sobre a presenza de peóns, ciclistas, vehículos parados ou obstáculos na estrada, así como da irrupción de obxectos... Tamén avisa de curvas pronunciadas e cambios na feitura da calzada, como un próximo estreitamento da vía, así como da invasión involuntaria do carril contrario ou da beiravía. Ademais, é capaz de rexistrar e interpretar os sinais de tráfico, alertando sobre o risco de incumprir as limitacións existentes.

PUBLICIDADE