Yahoo! reestrutura a súa dirección

martes, 10 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O pasado verán Verizon anunciou que estaba a preparar a compra de Yahoo! por 4.400 millóns de dólares, e aínda que os escándalos sobre as filtracións de credenciais de usuarios do servizo fixeron perigar o acordo, a compañía vén de presentar un documento ante a SEC dando conta de información relevante de cara á operación de compra, como sería o cambio de nome de Yahoo! Inc. a Altaba Inc. e o abandono de varios directivos do consello de dirección, entre os que destaca Marissa Mayer (ao cargo da compañía dende 2012), por considerar que non é preciso un equipo tan grande na situación actual da empresa, poñendo énfase no feito de que a renuncia de Mayer non tería que ver con ningún desacordo coa compañía, as súas operacións, as súas políticas ou as súas prácticas.
Enténdese que Yahoo! está a adoptar unha forma que facilite a súa absorción por parte de Verizon, e o cambio de nomenclatura non afectará ás marcas na web, que permanecerán como até o momento, servindo o novo nome para amparar as partes da empresa que non serán adquiridas por Verizon (como Yahoo Japan e a participación da compañía en Alibaba).
Polo momento non se sabe se Marissa Mayer e o resto de directivos que abandonan o seu posto no consello (David Filo, Eddy Hartenstein, Richard Hill, Jane Shaw e Maynard Webb) continuarán a traballar na compañía nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE