Yahoo substitúe a Google como buscador predeterminado de Firefox nos EE.UU.

mércores, 19 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Nos 10 anos de vida de Firefox existiu unha relación moi próxima da Fundación Mozilla con Google, empresa que contribuía de xeito importante ao financiamento da entidade para facer viables os seus distintos proxectos abertos, pero en vista de que tocaba renovar o acordo entre Mozilla e Google, decidiron explorar novas posibilidades e sorprende anunciando que veñen de chegar a un acordo con Yahoo, de xeito que o buscador de tal compañía será o que apareza de xeito predeterminado en Firefox nos EE.UU. a partir do mes de decembro (aínda que mantendo as posibilidades de buscar en Google, Bing, DuckDuckGo, Amazon, Twitter e a Wikipedia).
No caso de Rusia o buscador predeterminado pasará a ser Yandex Search e en China será Baidu o que goce de tal distinción, mentres que no resto do mundo Google continuará a recibir un trato preferente. Cómpre destacar que, con estas medidas só se realiza unha configuración inicial, e que os usuarios teñen a opción de elixir entre 61 provedores de busca actualmente, polo que dende Mozilla seguen a apostar pola liberdade de elección dos usuarios de Firefox.

PUBLICIDADE