Yoigo lanza a primeira tarifa móbil de España con voz e datos ilimitados

mércores, 4 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Cando o mundo da telefonía móbil está en plena actualidade grazas á celebración do Mobile World Congress en Barcelona, o cuarto operador de telefonía móbil de España con rede propia, Yoigo, lanza a que considera que é “a tarifa definitiva” por considerar que sería a primeira que na práctica ofrecería voz e datos ilimitados por 29 euros/mes (IVE incluído). La Tarifa Sinfín tería chamadas de voz ilimitadas, mentres que o volume de datos incluído cada mes sería de 20 GB sen límite de velocidade (dispoñibles incluso baixo cobertura 4G) de xeito que, de superarse, baixaríase a velocidade até 128 Kbps, de xeito que os datos nunca se cortarían nin se facturarían cantidades adicionais.
Esta nova tarifa ofrécese polo momento durante 3 meses (podendo gozarse para sempre tras a súa contratación), carece de compromiso de permanencia e permite acceder a terminais financiados por Yoigo.
O director xeral de Yoigo, Eduardo Taulet, considera que con esta nova promoción “Yoigo volveu facelo. Este é un auténtico fito no mercado español, unha desas cousas que só pasan unha vez na vida. Fomos os primeiros en ofrecer chamadas ilimitadas (xamais bloqueouse a voz a ningún cliente de Infinita fose cal fose o seu consumo) e con La Sinfín somos os primeiros en ofrecer datos ilimitados”.

PUBLICIDADE