YouTube abrangue o 75% do tráfico nas páxinas de vídeos de EE UU

luns, 30 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Non deixa de ser curioso como a Rede, tan grande e tan relativamente nova ela, está chegando a manter cun bo número de usuarios algo moi semellante a unha relación doméstica e case íntima. En certa maneira, e malia ter unha chea de habitacións dispoñibles, a meirande parte dos internautas preferimos ocupar só unha ou dúas (un buscador, un par de medios de comunicación, un número reducido de blogs que visitar), se cadra polas mesmas razóns que moven a centos de milleiros de turistas a fincar os pés na mesma area de todos os anos malia ter que apandar cada verán cos mesmos atascos e malia saber da existencia de miles de quilómetros dispoñibles de costa. Será que non se pode evitar: somos animais de rutinas.
Emporiso, cando se nos pregunta por un buscador e se nos obriga a responder ao momento case todos dicimos “Google”, e o mesmo se pode aplicar ó eido dos vídeos en liña. YouTube, neste senso, lévase a palma. Así, segundo unha serie de datos da consultora Hitwise que vemos reflectidos en Baquia, o servizo audiovisual vén de acadar as cifras meirandes da súa historia en materia de popularidade.
É dicir, xa non se trata de asegurar que se nos preguntan como se poden ver vídeos en liña case todos digamos “YouTube”, senón de presentar cifras ao respecto: o YouTube abrangue o 75% do tráfico nas páxinas webs de vídeos en Estados Unidos e, amais diso, multiplica por nove a circulación de pezas do seu rival máis directo, MySpace TV, que ten só un 9% do total. En terceiro lugar figura Google Video, cun 3,73% do pastel e logo Yahoo! Video, cun case anecdótico 1,9%.
Amais do dito, nada hai que indique un cambio ou unha crise na liña seguida por YouTube, sobre todo se temos en conta o fieis que se amosan os seus seareiros: o 82% dos seus usuarios afirmaron no mes de maio que xa tiñan empregado o servizo en máis dunha vez, fronte ao 64% de MySpace TV. Con todo e malia a pegada que está a deixar no panorama actual da Rede e o potencial do propio portal de vídeos, este aínda non semella moi rendible. A ferramenta, pertencente a Google, é neste intre como un gran negocio onde non se sabe moi ben como fincarlle o dente, se cadra pola súa envergadura e, en boa medida, pola novidade que representa no propio eido dos negocios. Con todo, Google xa anunciou recentemente que está a traballar en tirar partido da web como ferramenta de publicidade acorde cos contidos do propia web. Ou sexa, que a idea do buscador é que os anuncios tamén compartan o espírito de participación de YouTube.

PUBLICIDADE