YouTube emitirá en directo a Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta

venres, 1 de xuño do 2012 Raquel Noya

Na súa teima por darlle á nosa lingua o valor que merece e elevala á categoría da que a fixemos descender durante o século pasado, GalegoLab non perde nin unha soa das oportunidades que se lle presentan, e desta volta vai facer posible a emisión en directo da IV Festa de xogos tradicionais de Muimenta (Lugo) a través da súa canle en YouTube.
A emisión terá lugar o vindeiro domingo, 3 de xuño, a partir das 16:00 horas, e nela recollerase o máis destacado da devandita festividade, que celebra anualmente a Asociación Xotramu, para que non se perdan para sempre os xogos tradicionais aos que xogaban os nosos antergos, sempre ligados á lingua que mamaron.
Esta colaboración con Xotramu nace, segundo afirman os de GalegoLab, “da vontade de empregar as novas tecnoloxías para axudar na conservación e na difusión deste tipo de actividades, os xogos populares e tradicionais”.
A intención, alén de promover a lingua e cultura galegas, é facerlle chegar o mellor desta festa ás persoas que non se poidan desprazar ata ela, e farano a través de entrevistas a membros da Asociación, a participantes no evento e a persoas do público, así como a través da cobertura dalgúns xogos tradicionais galegos, vascos, portugueses e asturianos que van estar presentes en Muimenta.
Unha competición de bolos e de chave, o campionato internacional de tiro de corda, o aberto de billarda, unha carreira de rolos de herba ou a competición de arrebolamento de sacho son algunhas das actividades que compoñen o programa da festa, que se completa con obradoiros de construción de enredos, exposición de xoguetes artesáns e todo tipo de actividades para os máis cativos da casa.

PUBLICIDADE