Zarpamos e Egatel amosan hoxe a súa experiencia na Tecnópole

venres, 18 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A Tecnópole de Ourense acolle hoxe un innovador encontro de networking chamado Galicia en Coworking. O alicerce desta xuntanza, que conta coa participación directa das nosas firmas tecnolóxico-dixitais Egatel e Zarpamos, será o emprego da metodoloxía do speed dating, citas rápidas e breves para favorecer a axilidade no intercambio de coñecemento entre profesionais galegos da innovación. Como sinalamos hai uns días, o evento comezará con tres relatorios centrados no networking, cada un deles representado ao tecido de emprendedores de Ourense, A Coruña e Pontevedra. Arredor de 50 firmas procedentes de toda a nosa xeografía están a participar arestora nesta toma de contacto colectiva.
O empresario da Tecnópole Javier Taibo, director xeral de Egatel, amosará, entre outras cousas, as vantaxes de formar parte do Parque Tecnolóxico de Galicia e exporá a súa experiencia en proxectos en colaboración.
Pola súa banda, Esther Lojo, directora de Relacións Internacionais de Zarpamos, presentará a súa empresa como aceleradora de proxectos baseados en Internet para emprendedores.
Neste relatorio de apertura tamén participa Lola Palacio, fundadora de The Glass Concept, firma galega especializada en encerados de cristal magnéticos e imantados.
Logo destas xeiras de presentación, os participantes pasarán á devandita fase de speed dating con até 15 reunións rápidas entre eles de sete minutos cada unha. Durante a fase de inscrición, os asistentes seleccionarán aos profesionais aos que lles interesa coñecer mediante a consulta dos seus perfís. Así, cada un deles levará a súa axenda configurada en base aos intereses cruzados de todos os participantes. A cita é no Edificio CEI, na sede da Tecnópole.

PUBLICIDADE