Zegona compra Telecable por 650 millóns de euros

luns, 27 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Tras a compra de R por parte de Euskaltel parecía que o seguinte paso da compañía sería a adquisición da asturiana Telecable, para xuntar nun único paquete aos operadores de cable españois que mantiñan a súa autonomía, para a súa posterior absorción por Vodafone como acontecera con Ono, pero este paso parece que vai adiarse, xa que Zegona Communications, unha firma formada por dous executivos que proveñen do grupo de cable británico Virgin, pechou un acordo para a compra do 100% de Telecable por un importe de 650 millóns de euros (10,33 veces o EBITDA logrado en 2014).
Aínda que a compra de R realizarase cun mix de efectivo e accións, nesta ocasión falamos dunha compra que se realizará totalmente en efectivo. Zegona debutou no mercado bolsista londiniense en marzo, plataforma que empregaría para obter os fondos para pagar a compra de Telecable mediante unha ampliación de capital. A intención de Zegona é que Telecable poida cotizar na Bolsa de Londres a partires do 14 de agosto.
Ao parecer a operación con Zegona por parte de Telecable respondería á boa oferta económica presentada, xa que ao ser a compañía de cable máis pequena de España non se esperaba que a cantidade que puidese pagar Euskaltel fose tan xenerosa como a británica.

PUBLICIDADE