Zelda estréase na Nintendo DS

luns, 15 de outubro do 2007 Marcus Fernández

The Legend of Zelda é unha das sagas máis importantes do mundo dos videoxogos que ten xa 20 anos, e que esta semana se achegará á Nintendo Ds co seu agardado The Legend of Zelda: Phantom Hourglass.
O novo xogo protagonizado polo elfo Link continuará fiel ós seus predecesores, permitindo ó protagonista moverse por fragas e covas para descubrir os distintos misterios que lle permite avanzar nunha historia co orixinal obxectivo de rescatar a unha princesa secuestrada.
O éxito da saga é tal que a versión para Nintendo 64 de Ocarina of Time (a entrega que saíu ó mercado en 1998) aínda é considerada por moitos coma o mellor xogo da historia, e o xogo de Nintendo DS podería non quedar moi atrás (a versión para Wii, Twilight Princess, tamén foi moi ben recibida).
Este tipo de xogos non destacan polo argumento, nin polos efectos especiais, senón que apostan directamente pola xogabilidade, que é o que máis valora finalmente o xogador, de aí que a súa entrega de hai 9 anos aínda estea tan ben considerada. Á espera de que Phantom Hourglass chegue ós estantes das tendas podemos avanzar que o seu control mediante a pantalla táctil da DS lle valeu unha puntuación de 39 sobre 40 da revista xaponesa Famitsu.

PUBLICIDADE