Zuckerberg amosa ao Papa Francisco as súas iniciativas para achegar a Internet aos desfavorecidos

luns, 29 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Dende Facebook levan anos traballando en varias iniciativas para levar o acceso á Internet a lugares afastados e con poboación con baixo poder adquisitivo, como unha medida para introducir ás sociedades en vías de desenvolvemento á tan necesaria Rede para poder acceder ás mesmas oportunidades que o resto do planeta, e entre as tecnoloxías teñen varios prototipos de dron, como Aquila, unha aeronave non tripulada froito do traballo do Connectivity Lab de Internet.org que é capaz de voar a máis de 18 mil metros de altitude, aproveitando a enerxía solar para manterse no aire durante meses e así poder achegar conexións á Internet dende o aire.
Esta solución tecnolóxica que podería resultar moito máis práctica que as conexións vía satélite (tanto en calidade das conexións como en custo económico) vén de gañar certa notoriedade, xa que na visita ao Vaticano de Mark e Priscilla Zuckerberg fixéronlle entrega ao Papa Francisco dunha maqueta do devandito dron, á vez que tamén comentaron co sumo pontífice tanto a necesidade de aumentar a dispoñibilidade do acceso á Rede como as achegas solidarias da Chan Zuckerberg Initiative, sendo a propia Priscilla Chan quen aproveitou os seus coñecementos de español para falar directamente co Papa sen precisar de intérprete.

O matrimonio Zuckerberg mantivo unha conversa co Papa Francisco sobre as súas iniciativas tecnolóxicas e solidarias

PUBLICIDADE