AMTEGA pon en marcha un itinerario formativo para axudar á dixitalización de PEME e autónomos

xoves, 11 de outubro do 2018 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de pór en marcha o programa Destino: PEME Dixital, un itinerario formativo deseñado para que PEME, microPEME e autónomos coñezan as ferramentas e recursos para liderar a súa transformación dixital e mellorar a súa proxección de futuro. O programa foi presentado o pasado 11 de outubro nos seus detalles pola directora da axencia, Mar Pereira, que sinalou que a dixitalización é un reto que non se pode aprazar e que de abranguer a todas e todos, “especialmente en Galicia”, onde máis do 96% das empresas teñen menos de 10 traballadores dixo, engadindo que cumpría, por estes e outros motivos, a posta en marcha dun conxunto de iniciativas que puxeran ao alcance do tecido empresarial galego tecnoloxías accesíbeis ligadas ao seu negocio que lles faciliten este proceso de transformación para ser máis competitivos. Disto é do que trata en boa medida Destino: PEME Dixital.
Segundo engadiu Mar Pereira, “a transformación dixital é unha carreira de fondo, onde os tempos e os obstáculos non son os mesmos para un autónomo, unha microPEME ou unha PEME”. Estes tempos e estes atrancos están no alicerce mesmo de Destino: PEMEDixital, un programa que abrangue iniciativas adaptadas ás realidades de cada negocio, con tres tipos de actuacións, DixitalOn, AceleraTIC e eLeaders.
DixitalOn: Motivación para a Transformación Dixital
Trátase dun programa de actividades de capacitación en establecementos rurais galegos, durante estadías de fin de semana, dirixidos a autónomos e microPEME para explorar as motivacións de impulsar a transformación dixital dos seus negocios. Están programadas dúas estadías, no mes de novembro, do 9 ao 11 de novembro na Ribeira Sacra e do 23 ao 25 de novembro nas Fragas do Eume.
O que se busca con este programa é “tirar proveito do efecto tractor de experiencias de lecer no rural galego”, sinalou Pereira, que engadiu que en base ao devandito planning, iranse desenvolvendo actividades de sensibilización baseadas en dinámicas de grupo innovadoras, como Lego Serious Play e Visual Thinking, xunto con visitas as instalacións de empresas que están a acometer procesos de dixitalización e coñecer in situ os resultados.
O prazo de inscrición para a primeira estadía prevista é do 10 ao 23 de outubro a través da web do CDTIC, https://cdtic.xunta.gal/DixitalOn-RibeiraSacra, e do 10 de outubro ao 9 de novembro para a segunda das estadías https://cdtic.xunta.gal/DixitalOn-FragasDoEume. Tamén se poderán realizar inscricións a través do correo electrónico cdtic@xunta.gal .
AceleraTIC: Constrúe o camiño da transformación dixital
AceleraTIC consiste nun programa de actividades de formación dirixido a responsábeis dos niveis operativos das PEME, cuxo obxectivo é proporcionar as ferramentas precisas para construír unha folla de ruta que lles permita afrontar o desafío da transformación dixital, cun enfoque práctico e baseado en casos de éxito. As inscricións pódense realizar do 10 ao 21 de outubro na web do CDTIC, https://cdtic.xunta.gal/aceleratic2018 ou do correo electrónico cdtic@xunta.gal
eLeaders ToDixital: Lidera a transformación dixital
Este programa formativo vai dirixido principalmente a persoal executivo que posibilite un cambio de mindset das empresas cara un pensamento “dixital” aliñado as necesidades estratéxicas. Esta transformación, segundo incide AMTEGA, deberá ser impulsada por “líderes que comprendan os cambios nos modelos de negocio e de xestión que requiren os procesos de transformación dixital”. Este programa está previsto que se desenvolva no primeiro trimestre de 2019.
Xornada de presentación
Na xornada de presentación participou o experto en innovación e transformación dixital, Juan Luís Polo, profesor do Instituto de Empresa Business School e socio fundador da axencia Good Rebels, Así mesmo, catro empresas galegas que actualmente xa están inmersas neste proceso de dixitalización, expuxeron as súas experiencias.

PUBLICIDADE