iVoox estrea aplicación para Windows Phone 8

xoves, 23 de abril do 2015 Marcus Fernández

O catálogo de aplicacións para a administración e reprodución de podcasts para Windows Phone non destaca precisamente pola súa variedade e calidade, de aí que resulte bastante oportuno o lanzamento de iVoox Podcast, aplicación oficial de iVoox, popular plataforma para a publicación en liña de radio á carta, podcasts, audiolibros, conferencias... que é todo un referente en España, contando cun nutrido catálogo de podcasts que resulta de grande interese para os que queren reproducir contidos deste tipo mentres conducen, viaxen en transporte público ou practican deporte.
A aplicación resulta bastante práctica, permitindo reproducir os contidos en liña a través de banda larga móbil e Wi-Fi, coa posibilidade de descargar os episodios dos podcasts para a súa escoita fóra de liña; tamén suxire audios en base aos gustos e reproducións do usuario; mantén a posición de reprodución das descargas aínda que se mude de ficheiro en reprodución (para poder retomar os episodios noutro momento sen problema), permite a sincronización automática co perfil de iVoox.com (versión web do servizo); serve para xestionar as nosas subscricións e incluso integra controis na pantalla de bloqueo do móbil. Unha interesante e práctica ferramenta que agradecerán especialmente os que queiran introducirse no mundo do podcast e queiran descubrir contidos que se adapten aos seus intereses.

PUBLICIDADE