Innovación achega data para o Clúster TIC de Galiza: o 31 de xaneiro

mércores, 9 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, confirmou este mércores perante os medios informativos que o 31 de xaneiro se formalizará o Clúster TIC de Galiza, previsto no Plano Galego da Sociedade da Información.
Blanco fixo fincapé na necesidade de dotar a Galiza de mellores infraestruturas para universaliza-la Sociedade da Información, que deben ir acompañadas dun traballo didáctico para que os cidadáns coñezan as novas tecnoloxías. O conselleiro amosouse convencido de que a nosa terra rematará por converxer co Estado nesta materia, aínda que o maior reto é converxer con Europa, sinalou.
O devandito Clúster, precisamente, será unha das grandes apostas da Xunta nestes obxectivos. Este proxecto, presentado e formalizado o pasado mes de maio en Santiago, abranguerá esforzos e proxectos de asociacións empresariais e profesionais galegas da electrónica, a informática e as TICs.
Amais do devandito, o conselleiro de Innovación presentou este mércores as axudas que o departamento que dirixe destinará durante 2008 para empresas galegas en materia de novas tecnoloxías e, xeral, para un novo pulo á Sociedade da Información no eido industrial. A contía íntegra ascenderá a 5 millóns de euros, un 66% máis ca en 2007. As axudas, que se publicarán no DOG o vindeiro venres 11 de decembro, poderán acadar até o 70% dos investimentos subvencionables.
A idea da Consellería é actuar sobre todo alí onde a presenza das novas tecnoloxías da información é máis feble. Ou sexa: nunha boa parte do eido das pequenas e medianas empresas vinculadas a actividades tradicionais. Na páxina web de Innovación podemos atopar detallados os datos relativos ós apartados (catro) de actuación que inclúe o dito paquete de axudas:
· Infraestrutura Interna das empresas para a Sociedade da Información.
· Aplicacións informáticas nas empresas para a Sociedade da Información
· Apoio ao desenvolvemento do sector das TIC
· Formación técnica e promoción do sector

PUBLICIDADE