RTVE permite probar o que será o seu futuro portal corporativo

luns, 12 de maio do 2008 Marcus Fernández

A web en probas de RTVE presenta unha aparencia radicalmente distinta á actual

Dende RTVE levan meses anunciando a futura renovación da súa web, de xeito que prometeran un portal informativo en primavera e, xa a longo prazo, a publicación na Rede do arquivo audiovisual do ente, e finalmente avanzan de cara ao público coa estrea dunha web en probas que xa se pode consultar e que inclúe moitas e interesantes novidades que supoñen a actualización dun espazo dixital que pretende recuperar o tempo perdido, pois a televisión pública española deixou de lado durante moitos anos o papel que as TIC ocupan na sociedade.
Co novo espazo abandonarase o aspecto de web corporativa que aínda conserva RTVE, e achégase máis a unha porta aos contidos xerados por RTVE. Permite así seguir en directo as distintas emisoras de radio e a canle 24 Horas de televisión, mentres que o resto de vídeos e clips sonoros se poden consultar en diferido.
Consérvanse iniciativas anteriores coma os podcasts dos programas de radio, aos que se suma un arquivo sonoro máis completo e unha grella da programación, que fai que os contidos de Radio Nacional estean máis accesibles. Tamén se conservan os blogs, que conservan a súa austeridade, pero teñen un lugar destacado na nova web, polo que gañan en visibilidade.

A posibilidade de ver os contidos televisivos á carta supón unha posta ao día da web de TVE

De todos os xeitos, onde se notan máis os cambios na web é no tocante a TVE, que publica os seus principais programas dos últimos 7 días, que se poden consultar á carta, valéndose dun reprodutor baseado en Flash que permite a visualización dos programas a pantalla completa cunha calidade aceptable e que nun futuro incorporará tamén o arquivo do ente, aínda que neste momento non conta con ningún destes contidos históricos. Nesta liña tamén teñen un microsite sobre series míticas nas que convidan aos visitantes a votar pola serie que antes queren ver publicada na nova web (podendo elixir entre Anillos de oro, Turno de oficio, Historias para no dormir, La bola de cristal, Los gozos y las sombras e Verano azul).
Ata este punto os cambios na web corresponden a unha evolución natural do medio, pero seguindo o compromiso informativo de RTVE, agora contan cunha grande sección de novas, que pretende apostar pola converxencia de medios, permitindo consultar novas de actualidade mediante textos, fotografías, cortes sonoros e vídeos, construíndo unha mediateca de grande utilidade.
Cómpre destacar que aínda que os contidos informativos e á carta da nova web só se poden consultar dende tal espazo, algúns vídeos como certas promocións poden incrustarse en calquera web, no que podería ser un adianto de posibilidades futuras.
Agardamos que esta nova web continúe evolucionando dende esta prometedora versión de proba para converterse nun referente en España para que outros medios acheguen os seus contidos ao público tamén a través da Rede, e non só dende as tradicionais fórmulas catódicas atadas a unha grella horarias.

PUBLICIDADE