O iPhone 3G chegará a España o 11 de xullo

luns, 9 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Jobs presentando o iPhone 3G na pasada edición do WWDCEsta tarde Steve Jobs abriu a WWDC cunha presentación que prometía ser o acontecemento do ano, pois os asistentes esperaban coñecer os detalles do novo firmware do iPhone, así como unha versión renovada do móbil de Apple incluíndo conectividade 3G, para poder comercializarse en case todo o mundo.
A agardada presentación comezou con detalles sobre o SDK para facer aplicacións para o iPhone, que demostrou ser moi completo e doado de empregar, e que abriu a porta a unha chega de aplicacións que a partir de agora se poderán descargar (pagando ou de balde, segundo o caso) dende a App Store, que sería unha especie de iTunes de programas e xogos, dos que se deron a coñecer os máis representativos:

A App Store permitirá a compra e descarga de xogos e aplicacións


- Super Monkey Ball: adiantado xogo de SEGA que funciona co acelerómetro
- eBay: para seguir as poxas de eBay dende o móbil
- Loopt: un servizo para localizar a amigos
- Typepad: ferramenta para facer de xeito doado fotologs
- AP News: aplicación para ver as novas da axencia AP (incluíndo vídeo)
- Cro Mag Rally: un xogo de carreiras desenvolvido por Pangaea
- Band: aplicación musical que xa estaba dispoñible na actualidade de xeito non oficial
- MLB.tv: ferramenta para seguir os resultados e as novas da liga de baseball (incluíndo audio e vídeo)
- 2 aplicacións médicas
- Kroll: xogo de loita de Digital Legends Entertainment ao máis puro estilo do God of War que chegará en setembro e que só leva 2 semanas desenvolvéndose
Adiantadas estas aplicacións (que agás os xogos, serán de balde) chegou o momento da produtividade, e adiantaron detalles da tecnoloxía push para o iPhone, o que inclúe tamén un sistema de mensaxería instantánea que emprega esta solución para un menor consumo de recursos e batería. Esta funcionalidade está pensada especialmente para compatibilizar o iPhone con Exchange ActiveSync, solución de sincronización moi habitual en contornos corporativos, ou sexa, que finalmente adaptaron o dispositivo para o uso empresarial, para así poder competir coa plataforma Blackberry de RIM.
Os usuarios tamén agradecerán que os ficheiros de Word, Excel e PowerPoint se poderán ler no iPhone (como antes tamén pasaba cos PDF), e todas estas melloras estarán presentes nos actuais móbiles de Apple a través dunha actualización do seu firmware que no caso do iPod Touch será de pago (9,95 dólares).

MobileMe

Apple leva tempo dando o servizo .Mac para os que queren ter a súa información (correo, contactos,calendario...) na Internet e agora se renova para o iPhone pasando a darse a coñecer coma MobileMe, de xeito que os usuarios actuais diranlle adeus ao dominio mac.com e pasarán a usar me.com.
MobileMe permitirá agora levar os usuarios correo, calendario e contactos con tecnoloxía push, galería fotográfica e ata 20 Gb de almacenamento xestionado a través un atractivo iDisk. Supón así un avance na sincronización entre o iPhone e os ordenadores que empregue o usuario (tanto Mac coma PC), e permitiría a calquera usuario que contrate este servizo acceder a prestacións que normalmente están reservadas a usuarios de solucións coma Exchange.

iPhone 3G

Tras uns 90 minutos de presentacións totalmente predicibles, Steve Jobs comezou a falar do que todos os asistentes estaban a agardar: o novo iPhone.
Confirmou que o novo móbil tería conectividade 3G, se vendería en máis países (entre os que agora si está España), sería máis económico e contaría con aplicacións de empresas alleas a Apple.
Para que o novo móbil se distinga do actual, o iPhone cambia a súa carcasa traseira metálica por unha carcasa de plástico que se poderá adquirir en branco ou negro, mentres que os botóns pasan a ser metálicos.
Tamén melloraron a autonomía da batería do iPhone, que agora aguanta 300 horas en espera e 10 horas en conversa 2G (5 en conversa 3G), permanecendo igual a súa autonomía para usos de vídeo, música ou navegación web.
A outra grande novidade do iPhone 3G é que agora leva receptor GPS integrado, polo que a xeolocalización é máis precisa que no modelo actual (que a fai mediante triangulación de antenas Wi-Fi e de telefonía móbil).
Pero o anuncio máis importante de cara ao éxito global do iPhone foi o prezo que deu a coñecer Jobs, pois o móbil pasaría a venderse a 199 e 299 dólares nas súas versión con capacidade de almacenamento interno de 8 e 16 Gb respectivamente, o que supón una seria rebaixa dende os 399 dólares que actualmente custa o modelo de 8 Gb.
O iPhone 3G terá unhas dimensións de 115,5 x 62,1 x 12,3 mm e 133 gramos de peso, polo que os cambios con respecto da versión anterior son inapreciables. Quedan así desbotados os rumores que apuntaban por un terminal moito máis fino e con máis capacidade de almacenamento, e mesmo a cámara integrada continúa a ser de 2 Mpíxeles (e non pasa a ser de 5 Mpíxeles). Deste xeito, a información exclusiva que esta mañá adiantou o ABC resultaron estar moi pouco atinadas.
A chegada do iPhone ás tendas españolas será o vindeiro 11 de xullo, e é de agardar que en breve se celebre unha presentación local na que se detallen os prezos do terminal e os contratos cos que se poderá adquirir.


Spot do novo iPhone

PUBLICIDADE