Google recibirá o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades

mércores, 11 de xuño do 2008 Marcus Fernández

O xurado dos Premios Príncipe de Asturias

O xurado do Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades decidiu que o galardón deste ano recaerá sobre Google a proposta de José Luis Pardos (embaixador de España e gran divulgador da Internet).
Para premiar a Google tívose en conta tanto a labor da empresa organizando a información mundial publicada na web e facéndoa máis accesible universalmente, como a labor filantrópica emprendida dende a súa filial Google.org (que dedica parte dos beneficios da empresa para o desenvolvemento de proxectos medioambientais).
Eric Schmidt, presidente e director executivo de Google, declarou sobre o premio que «é unha honra e estamos realmente agradecidos por este premio. É particularmente gratificante ler a lista de xente que recibiu anteriormente este mesmo recoñecemento. A nosa verdadeira paixón é poder axudar a que toda a xente poida acceder á información que queira no idioma que prefira. Non obstante, sabemos que aínda hai moitas persoas no mundo que non teñen acceso a esta información e que non poden levar a cabo en Internet todas as cousas que para nós son xa algo moi normal. Este premio debe servirnos como estímulo para dar unha oportunidade a que toda esta xente poida gozar do que nós gozamos».
Pero esta elección do xurado non estivo ausente de polémica, pois algúns membros non consideran que Google encaixe na categoría de Comunicación e Humanidades, e pensaban que sería un candidato máis axeitado o reporteiro Manuel Leguineche. O presidente de Onda Cero, Javier González Ferrari, incluso declarou que «xa vai sendo hora de que un español teña o Príncipe de Asturias».
Os premios desta XXVIII edición dos Premios Príncipe de Asturias entregaranse en outono en Oviedo.

PUBLICIDADE