Seguen as obxeccións á proposta europea para que os blogueiros se identifiquen

venres, 13 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Se cadra coa arela de garantir a liberdade de expresión e respecto polas minorías, se cadra coa de meter man onde aínda quedan moitos cabos ceibos (na Internet), o caso é que no Parlamento Europeo vese estes días certa actividade con respecto á regulación de certas facetas da Rede e máis concretamente deses -máis ou menos persoais- medios de comunicación chamados “blogs”. Se os días pasados puidemos afondar algo na proposta encamiñada a que se dea un paso adiante no marco regulador das bitácoras ó poñer ao alcance dos blogueiros un etiquetado voluntario (unha tarxeta de presentación) que dea conta da súa identidade e das súas intencións, agora xa sabemos un pouco máis sobre a emenda en cuestión, que está dispoñible na páxina web do Parlamento Europeo e que vén da man da eurodeputada estoniana Marianne Mikko.
Por exemplo: sabemos que vai encamiñada a “desintoxicar a Rede, o que é debido principalmente é exceso de datos” e que se apoia sobre todo na arela de “promover en Europa a pluralidade de medios”.
Ou sexa, que para a devandita eurodeputada a principal ameaza contra a variedade de ideas, pareceres, opinións e linguas no universo bitacoreiro é que exista moito anonimato, unha boa cantidade de intencións non confesadas até que se chega á letra pequena e, tamén, moito caderno descoidado coma un obra propia da que se renega.
A medida está a ser recibida na Internet con puntos de vista de todo tipo, pero abondan máis as obxeccións. Na web galega e máis concretamente en Chuza! atopamos opinións variadas, aínda que é certo que prevalecen con moto as que se sitúan en contra. O mesmo podemos dicir dos blogueiros en xeral. Unha boa parte deles (como por exemplo Guillem Alsina, de Imatica.org, ou José María Mateos no blog Las Penas del Agente Smith) coinciden neste punto: de pouco vai servir a proposta do Parlamento Europeo. As posibilidades de ser cen por cen anónimo e escribir o que se queira nun blog existiron e existirán. Isto é, sosteñen, o que limita e ao mesmo tempo fai grande á Internet: que é libre e que todo o mundo ten posibilidades de expresarse nela. De aí á consecución dunha intelixencia colectiva (moitos cerebros en liña que fagan o que cada un de nós, pola nosa conta, moi dificilmente acadaremos) que se encargue de separar o gran da palla só hai un paso. E se se limitan as posibilidades de expresión na Rede, limítanse tamén as desa intelixencia que é a suma de moitos e moitas.

PUBLICIDADE