Inaugurado en Ferrol un centro de I+D dirixido a pór a realidade virtual máis preto do sector naval

venres, 20 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Unha parte do acto de apertura, nunha imaxe captada por El Correo Gallego.

A tecnoloxía do virtual, entre outras cousas, permíteche botarlle un ollo ao futuro, que non é pouco. Isto que semella tan indefinido e xenérico, cobra especial importancia cando se está a traballar en proxectos de envergadura ligados á Investigación e o Desenvolvemento (I+D). Dito doutro xeito: cando o que temos entre mans son iniciativas completamente novas e sen apenas marcos de referencia dos que termar. De entre todos os sectores do tecido económico galego, se cadra o naval é un dos que máis precisa das tecnoloxías máis avanzadas do virtual, co fin de favorecer ao máximo o estudo e a revisión dos proxectos nun primeiro paso e que deixen marxe logo para un paso máis firme no seu desenvolvemento ou mesmo para cambios de rumbo.
Sen ir máis lonxe, a achega destes e outros recursos vai ser o gran obxectivo do Centro Interactivo Dixital (IDC) que se vén de inaugurar na Cabana (Ferrol) como unidade ligada ao Centro Tecnolóxico do Naval Galego (CTNG).
O complexo, que foi presentado onte de xeito oficial pola Consellería de Innovación e máis o dito CTNG, contou cun investimento de partida de 1,3 millóns de euros. O IDC, que chama a atención polo avanzado dos seus elementos encamiñados a favorecer a virtualidade, diríxese sobre todo á prestación de servizos avanzados (entre eles o de formación) ao empresariado galego do sector naval.
O centro abrangue unha superficie de 180 m2 e conta cunha cova totalmente inmersiva de 27 m3, unha sala de desenvolvemento, outra de formación e diferentes equipos portátiles e periféricos. Para ir quecendo motores, o IDC inclúe entre os plans a curto prazo a elaboración dunhas presentacións de realidade figurada dentro da iniciativa Cadivafor, o proxecto dun simulador de Navegación e Manobra, o deseño 3D dun novo buque de recreo e o estudo dun aparello para a xeración de enerxía a partir das ondas do mar.

PUBLICIDADE