Bill Gates celebra o seu retiro de Microsoft recreando a fotografía do grupo de Albuquerque

luns, 23 de xuño do 2008 Marcus Fernández

O grupo de Albuquerque retratado en 1978 e 2008

Sen facer moito ruído, Bill Gates deixa definitivamente esta fin de semana as súas responsabilidades á fronte de Microsoft, rematando así un proceso de bastantes meses nos que foi delegando as súas funcións noutros colaboradores, polo que non suporá ningún trauma para a compañía de Redmond.
Gates amasa unha fortuna duns 58.000 millóns de dólares, converténdoo na 3ª persoa máis rica do mundo, aínda que agora dedica boa parte dos seus fondos á Fundación Bill and Melinda Gates.
A compañía fundada por Gates con seu amigo Paul Allen naceu en 1975 e comezou a facerse un nome coa súa implementación da linguaxe de programación BASIC e conseguiu trunfar a primeiros dos anos 80 conseguindo vender a IBM un sistema operativo para os seus equipos que co tempo se pasou a chamar MS-DOS e abriría camiño para o Windows que hoxe case monopoliza os escritorios informáticos.
En vista de que Gates deixa a súa empresa, tiveron a ben xuntar a boa parte do equipo que formaba Microsoft en 1978, no que chaman o Grupo de Albuquerque, formado por Steve Wood, Jim Lane, Bob O’Rear, Bob Greenberg, Miriam Lubow, Marc McDonald, Gordon Letwin, Bill Gates, Andrea Lewis, Marla Wood, Paul Allen e Bob Wallace (quen faleceu en 2002) para recrear unha fotografía de equipo que xa é todo un documento histórico no que podemos comparar o paso destes últimos 30 anos.

PUBLICIDADE