Innovación anima ao comercio retallista galego a facer fronte común na Rede

martes, 8 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Todos os sectores económicos teñen potencial para afacerse á Rede, do mesmo xeito que a Internet ten capacidade abonda como para adaptarse ás necesidades de aqueles. Esta é unha das mensaxes que a Consellería de Innovación está a lanzar no marco das xornadas provinciais de traballo Comerciando na Rede organizadas pola Dirección Xeral de Comercio onte na Coruña e hoxe mesmo en Vigo. Estes encontros, que logo se estenderán a Ourense (o día 9) e a continuación a Lugo (o xoves 10), desenvólvense co obxectivo xenérico de expoñerlle ao comercio retallista galega as vantaxes de facer mercado na Rede e co específico de propoñerlle a posta en marcha dunha plataforma de venda en liña.
Esta iniciativa concreta, informa a dita Dirección Xeral (pertencente á Consellería de Innovación), iría encamiñada entre outras cousas á creación dunha marca común baixo a que distribuír mercadorías a través da Internet, “apostando así pola introdución das novas tecnoloxías e a modernización do sector”.
Máis polo miúdo, o proxecto que está dando a coñecer o dito departamento da Xunta sería un proxecto aberto e participativo, con independencia do nivel de operatividade dixital da empresa en cuestión. É dicir: estaría aberto a todos aqueles establecementos que queiran dar os seus primeiros pasos no comercio en liña ou xa teñan experiencia e queiran tirar partido da iniciativa. A ferramenta funcionaría como unha escolma de pequenas webs nunha soa: permitiría introducir información propia de cada tenda, poñer os seus produtos á venda, facer campañas de promoción ou empregar tarxeta de crédito, entre outras facilidades.
Datas
As xornadas de traballo que se manterán co sector do comercio retallista nas catro provincias comezaron este luns na Coruña; e continuarán mañá, martes 8, en Vigo (sede da Fundación Caixa Galicia, rúa Policarpo Sanz, 21). O mércores 9, a convocatoria é en Ourense (hotel Princess, avenida da Habana, 45); e por último, o xoves 10, en Lugo (Gran Hotel Lugo, avenida Ramón Ferreiro, 21). En tódolos casos, a hora do encontro está fixada para as 20,30 horas.

PUBLICIDADE