Presentan en Compostela a Enciclopedia Galega Universal en Internet

xoves, 10 de xullo do 2008 Marcus Fernández

A Enciclopedia Galega Universal en Internet de Ir Indo vén de presentarse oficialmente en Santiago de Compostela, polo que o proxecto dirixido por Bieito Ledo encamiñado a difundir a través da web toda a información posible referente ao coñecemento universal na nosa lingua xa é unha realidade.
Esta nova obra virtual está na súa fase beta 1.0 e xa ofrece máis de 200.000 entradas actualizadas, 20.000 mapas, 50.000 fotografías, material didáctico para profesores e alumnos, ademais de varios xogos e concurso.
Cómpre destacar que a nova páxina web incorpora tecnoloxía text-to-speech achegada por Verbio, que permite a lectura a viva voz das entradas máis curtas, facilitando así a accesibilidade a persoas con problemas de visión.

A presentación desta nova obra en formato electrónico contou coa presenza de Bieito Ledo, director da obra; Senén Barro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información; e Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta de Galicia, asegurou que a Enciclopedia Galega Universal en Internet será unha obra pioneira que suporá un antes e un despois para a presenza de Galicia e do noso patrimonio cultural e lingüístico na Sociedade da Información.
Quintana tamén destacou a necesidade de que «a nosa cultura e a nosa lingua sexan accesibles dende calquera parte do planeta, se queremos que sexan o sinal de identidade de Galiza no mundo global», polo que cómpre aproveitar esta oportunidade de xerar contidos galegos e en galego para corrixir a impresión de máis do 62% das persoas consultadas por unha enquisa do OGSI, que consideraban que a presenza de contidos en galego era baixa ou moi baixa.

PUBLICIDADE