Quin.tv avanza na videopolítica galega

luns, 8 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O pasado venres adiantabamos que o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, ía presentar o sábado o seu propio videoblog, co que sería o primeiro político galego en apostar por este formato que complementaría ao seu blogue e á canle en YouTube do Bloque Nacionalista Galego (que é a de máis éxito entre os partidos políticos galegos), pero finalmente nos sorprendeu con moito máis do que prometía, posto que a web que se aloxa baixo o dominio Quin.tv non hospeda un videoblog, senón que acolle toda unha colección de vídeos relativos ao portavoz nacional do BNG que entraría na categoría do que moitos dan en chamar televisión por Internet.
Esta aposta polo vídeo seguiría o paso doutros políticos coma Barack Obama, Hillary Clinton, Angela Merkel ou Artur Mas, no que a secretaria de comunicación do BNG, María Xosé Bravo, cualifica coma unha proba máis de que «nacionalismo e modernidade van unidos en Galiza».
A nova web é un desenvolvemento galego, obra do equipo de A Navalla Suíza (composto por persoas moi coñecidas no blogomillo), e destaca por apostar pola interacción co usuario (que mesmo pode remitir vídeos con preguntas a Anxo Quintana) así como pola excelente calidade dos clips, tanto na súa realización coma no seu formato, xa que se presentan en formato panorámico a través dun reprodutor Flash de grande tamaño (640 x 360 píxeles), que no caso dalgún dos vídeos se conta con versión en alta definición (en MPEG-4 con compresión H.264 a 720 liñas en progresivo a 1.500 Kbps, que tanto se poden ver na web coma descargar en AVI, MP4 ou OGG).
En Quin.tv poderiamos considerar que existe un videoblog que sería a sección Día a Día, que contará con vídeos case a diario, facendo un seguimento das actividades de Quintana, pero tamén se recorda o seu pasado Facendo Memoria, se pode un achegar a aspectos máis persoais da súa persoa (como afeccións ou o que fai no tempo libre), se publican reportaxes nas que se ve ao vicepresidente da Xunta falando con persoeiros galegos cos que contrasta pareceres, tamén se presenta o que outras persoas opinan do protagonista deste espazo audiovisual, se reserva un espazo para recoller a labor do BNG Transformando Galiza e, finalmente, se coloca a Anxo Quintana fronte a cámara para falar de ti a ti co usuarios, para comentar propostas e ideas de traballo, aínda que nun primeiro momento se limita a anunciar a nova web e agradecer a boa acollida que está a ter.


Vídeo de benvida a Quin.tv

PUBLICIDADE