Imaxin presenta o primeiro tradutor automático de inglés ao galego e viceversa

mércores, 19 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Imaxin, empresa galega en boa medida responsable da posta en marcha do primeiro tradutor automático para todas as linguas do Estado, o OpenTrad, vén de aproveitar a súa experiencia para ampliar as posibilidades do devandito servizo: tanto en cuestión de utilidade como facilitando a conexión de Galiza con outras linguas e culturas. A ferramenta, que como todo recurso de software libre comparte certas características cos usuarios destas e doutras ferramentas (coma aqueles, nace para medrar e adquirir coñecemento), enche logo das melloras un baleiro tecnolóxico-cultural: o compartido polos galegos e os falantes da segunda lingua con máis presenza no mundo, logo do chinés mandarín: os ingleses. Máis en detalle, a ampliación do servizo OpenTrad feita por Imaxin permitirá por vez primeira a tradución automática de páxinas web redactadas en inglés á nosa lingua, e viceversa.
O recurso, que foi presentado na súa primeira etapa de evolución no Club Internacional de Prensa de Santiago, é segundo os seus responsables algo máis que unha ferramenta informática aberta. É unha porta, un acceso e unha canle para un meirande alcance do entendemento, a comunicación e a divulgación.
A posta en longo da ferramenta, que contou coa presenza de Diego Vázquez (director de Marketing da firma Imaxin) e José Ramom Pichel (director da Área de Tecnoloxía Lingüística), consistiu nunha presentación xeral das características da mellora e nunha serie de casos prácticos de tradución. Por exemplo: pasando a web de Vieiros ao inglés e información web nesta lingua ao galego. Os resultados, que aínda están por mellorar, amosaron que os primeiros alicerces do entendemento son firmes de abondo. De feito, agás algunha palabra susceptible de ser substituída por outra máis acorde co contexto, é ben posible abranguer o significado da práctica totalidade do artigo tratado.

Colaboracións presentes e futuras

O novo proxecto de Imaxin, que como dixemos aínda ten feitura de prototipo, contou no seu desenvolvemento coa axuda da Consellería de Innovación na cuestión orzamentaria. Asemade, dispuxo da colaboración do Grupo TALG da Universidade de Vigo (liderado por Xavier Guinovart) e máis do Grupo Gramática do Español da Universidade, a través do investigador Paulo Gamallo. Durante a presentación en Santiago, Vázquez e Pichel fixeron fincapé en que a colaboración externa no proxecto non remata aí. En boa medida, tal e como sinalou Pichel, do que se trata é de presentar unha tecnoloxía-nena/o perante os medios de comunicación e a sociedade galega en xeral para que se cree un bo clima de coidados e aprendizaxe. “A partir deste punto, calquera pode colaborar na mellora do sistema de tradución ou no código fonte”, comentou Diego Vázquez. “Neste intre”, engadiu José Ramom, poderíase dicir que a “ferramenta está aprendendo a ler”.

OpenTrad: resumo dun proxecto aberto

O OpenTrad, o marco no que se insire o engadido inglés-galego-inglés presentado hoxe, é un sistema de tradución automática en código aberto e personalizable para todas as linguas do Estado e de uso gratuíto. Arestora, ademais do novo vínculo co inglés, está dispoñible a tradución bidireccional entre os pares castelán-galego (único sistema que permite a tradución en ambas as direccións), castelán-catalán, castelán-éuscaro (único sistema de tradución), español-francés, español-inglés ou inglés-catalán… así até chegar a un total de 26 pares.
Para Diego Vázquez, é importante subliñar que se trata da primeira ferramenta aberta destas características que se coñece. “O resto das que temos constancia”, engadiu, “son todos pechadas e postas en marcha para linguas de moito uso”. OpenTrad, amais de designar ao sistema de tradución, designa tamén ao consorcio responsable da súa posta en marcha, do que forma parte Imaxin xunto coa Universidade de Vigo (Seminario de Lingüística Informática), a Universitat Politécnica de Catalunya, a Universitat d´Alacant (Grupo Transducens), a Universidade do País Vasco (Grupo IXA Taldea) e máis as empresas Elhuyar e Eleka.

En fase de mellora

Este tradutor que presentamos hoxe”, engadiu Pichel no Club Internacional de Prensa, “cómpre comparalo con outros do mesmo segmento”. Dito doutro xeito: arestora, sendo como é un prototipo, non se pode agardar del o mesmo que se lle pide a outros recursos de OpenTrad, que contan cun nivel de eficacia moi alto e que están no punto de mira de usuarias e usuarios que lles esixen que sexan “case perfectos” (no eido da tradución automática, engadiu Vázquez, hai que ser realista: “Non hai nada perfecto”). En certa maneira, sinalaron, o nivel de uso e resultados é semellante ao que achega Systran, pero co mérito de ter sido preparado e posto en marcha en moito menos tempo: para o seu desenvolvemento empregáronse entre 6 meses e un ano de traballo. No que se refire á calidade das traducións achegadas, Pichel atendeu á importancia da asimilación: “Neste intre, o fundamental é que unha persoa que non sabe inglés saiba de que se está a falar nun texto redactado nesta lingua”. Porén, os responsables da firma Imaxin relembraron perante os medios da comunicación o salientable dun factor clave para a mellora máis que inmediata deste tipo de recursos: o factor desenvolvemento aberto. “Dentro dun ano”, concluíron, “os cambios achegados no sistema serán espectaculares”.

PUBLICIDADE