1,2 millóns de euros para promover a produción de contidos educativos dixitais

mércores, 6 de abril do 2011 Redacción

No marco do programa de axudas para o desenvolvemento da sociedade da información, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano 1,2 millóns de euros a subvencionar a produción e publicación de materiais educativos por parte de empresas e á convocatoria dun premios para profesores que desenvolvan novos materiais docentes.
O obxectivo destas axudas, que se convocan por primeira vez, é potenciar nas empresas a produción e publicación de materiais educativos e de fomentar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación no ensino mediante o desenvolvemento de novos contidos educativos por parte do profesorado.
As presentes actuacións enmárcanse na estratexia do Proxecto ABALAR, que están a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Esta iniciativa, que xa chegou a 14.500 alumnos e 300 centros no presente curso, ten como obxectivo a integración das TIC na práctica educativa, transformando dos centros de ensino tradicionais en centros de ensino dixitais.
No caso das subvencións ás empresas, estas deberán presentar contidos educativos correspondentes a dúas materias dun curso académico completo, estruturados en secuencias didácticas dixitais estruturadas cunha introdución, exploración, exercicios e avaliación accesibles polos usuarios por medios electrónicos e interactivos co usuario.
Ademais estes contidos deberán contemplar o desenvolvemento curricular de, cando menos, dúas materias completas dun curso académico.
Os profesores galegos poderán optar este ano a uns premios sobre o desenvolvemento e novos contidos educativos con entidade dixital. Estes contidos, accesibles mediante medios electrónicos e interactivos, referiranse a 10 modalidades para as que se establece un primeiro premio de 4.500 €, un segundo premio de 3.500 euros, un terceiro premio de 3.000 € e nove cuartos premios de 1.000 euros.