1.800 familias do ámbito rural de Lugo accederon a fibra óptica de Adamo en seis meses
martes, 11 de novembro do 2025
Ata 1.800 fogares de 16 concellos da provincia de Lugo estrearon fibra óptica en seis meses. Trátase de familias que viven, sobre todo, en áreas rurais, peor comunicadas e con maiores necesidades de conectividade. Son datos achegados pola operadora Adamo, que executou a implantación desa tecnoloxía entre abril e setembro seguindo o mapa de despregadura fixado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Así mesmo, a empresa de telecomunicacións continúa estendendo a súa rede na provincia, onde xa fornece de conexión en 123.000 vivendas. Ademais, Adamo destaca que xa é “a operadora de referencia no ámbito rural” ao estar presente en 60 dos 67 concellos que conforman o territorio lucense (case o 90% dos mesmos).
En concreto, a infraestrutura chegou ao Corgo (con 430 domicilios que accederon a fibra óptica), Láncara (máis de 350 inmobles), Friol (superando os 250), As Nogais (170), Pedrafita do Cebreiro (160), A Pobra do Brollón (130) e Baralla, con 85 familias que hoxe poden gozar deste soporte proporcionado por Adamo.
Tamén se engadiron á rede da compañía Paradela (con 45 vivendas), Monforte de Lemos (35), O Saviñao (30) e Muras, Chantada, Ribas de Sil, Cervantes, A Fonsagrada e Meira, todos por enriba da vintena de familias que quedaron conectadas ao mundo a través de Adamo ao longo do citado semestre.
Cabe lembrar que Adamo desprega conexión ultrarrápida -de ata 1 Gb-, a mesma velocidade máxima habitual de conexión que pode atoparse en calquera urbe principal. “Así que agora é posible navegar por Internet coa mesma axilidade en Barcelona, en Madrid... e en 1.800 vivendas máis de Lugo”, explican dende a operadora, engadindo que “a mellora nas comunicacións que levamos a cabo na provincia entre abril e setembro supón un elemento clave para facer fronte ao despoboamento, é dicir, que a fibra óptica ponlle freo ao éxodo da mocidade cara ás cidades”.
Ademais de axudar contra este fenómeno, esa tecnoloxía permite realizar con garantías actividades hoxe habituais: teletraballo, educación en liña, compras por Internet, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras vantaxes.
