10 anos do primeiro smartphone con Android

luns, 24 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Tras o lanzamento do iPhone, Google tiña que mover ficha, e o 23 de setembro de 2008 presentou o primeiro smartphone con Android, o T-Mobile G1, que combinaba pantalla táctil e teclado QWERTY, e que poucos meses despois chegaría a España da man de Telefónica como HTC Dream.
Aínda que o formato deste terminal rematou sendo un fracaso, foi rapidamente sucedido polo HTC Magic (achegado a España por Vodafone), sen teclado físico, que sería a liña que seguirían numerosos móbiles durante anos, até converterse no grande referente da telefonía móbil.
Temos así que os inicios de Android non foron especialmente bos, pero nesta última década a suma de forzas de numerosos operadores e fabricantes conseguiu consolidar a plataforma móbil de Google, que grazas á súa diversidade foi percorrendo distintos camiños para adaptarse ás demandas dos consumidores, de aí que puidésemos ver cada vez pantallas táctiles de maiores tamaños, notificacións LED ou o uso de distintos métodos de entrada como o trackball ou o lapis dixitalizador.
Botando a vista atrás resultaba difícil confiar na imposición desta plataforma, xa que daquela había axentes establecidos como BlackBerry ou Nokia, nos que había unha grande confianza, pero ao final o mercado demostrou non ser quen de soportar tantas plataformas móbiles, especialmente coa emerxencia das tendas de aplicacións.
De feito, non só sucumbiron grandes compañías con sistemas operativos móbiles alternativos, senón que a compañía pioneira en Android, HTC, rematou tendo que vender a súa división móbil a Google, tras varios anos cos seus terminais resultando comercialmente irrelevantes.

PUBLICIDADE