140 estudantes galegos participan no lanzamento de satélites CanSat 2024

mércores, 6 de marzo do 2024 S. P.

Esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, abría a xornada de formación para os 23 equipos galegos participantes na fase rexional de CanSat 2024, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea e que conta co apoio da Xunta de Galicia, na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción até o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.
O titular de Educación do Goberno galego asegurou que este desafío ao que se van enfrontar os equipos galegos “supón moito máis ca unha demostración do seu entendemento no campo da aeronáutica, xa que tamén representa unha oportunidade para levar ao terreo práctico o que pode ser unha carreira de futuro para moitos deles”, dirixíndose aos 140 participantes entre alumnado e profesorado da vintena de centros educativos adheridos ao proxecto.
Román Rodríguez salientou que encontros coma este axudan, desde as aulas, a xerar innovación aplicada, ao desenvolvemento colectivo, á resolución de retos tecnolóxicos e ao fortalecemento da capacidade dixital.
No encontro de hoxe leváronse a cabo catro relatorios vinculados á temática de satélites e serviu para a presentación dos equipos, que están formados por un máximo de seis alumnas/os baixo a coordinación dun docente.
Engadir que a xornada de lanzamento de satélites terá lugar o 23 de abril no aeródromo das Gaivotas en Cerceda e posteriormente, o día 26, haberá un evento para a defensa dos resultados
dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.
Que é un CanSat? É unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real (alimentación eléctrica, sensores e sistema de comunicacións). De seguido, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.
Os centros participantes son os seguintes:
A Coruña
Arteixo IES Manuel Murguía
Betanzos CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen
Cariño IES Cabo Ortegal
A Coruña CPR Compañía de María
Ferrol CPR Ayala
Muxía IES Ramón Caamaño
Noia IES Virxe do Mar
Ortigueira IES de Ortigueira
As Pontes IES Castro da Uz
Lugo
Burela IES Perdouro
Lugo IES Lucus Augusti
Lugo IES Leiras Pulpeiro
Mondoñedo IES Plurilingüe San Rosendo
Ourense
A Gudiña CPI Laureano Prieto
Ourense IES O Couto
Ourense CPR Santa María Maristas
Pontevedra
Caldas IES Aquis Celenis
Vigo IES Álvaro Cunqueiro
Vigo IES República Oriental do Uruguai
Vigo CPR Plurilingüe Montecastelo
Vigo CPR Plurilingüe Las Acacias

PUBLICIDADE