15 empresas de Galicia participan en dez dos proxectos de I+D seleccionados en Misións de Ciencia
martes, 15 de abril do 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, celebrou que 15 empresas en Galicia acadaran 3,6 millóns de euros na última convocatoria do programa Misións de Ciencia e Innovación, o que, segundo dixo, “ábrelles as portas a participar en 10 dos proxectos estratéxicos seleccionados polo Goberno nesta convocatoria pública e que superan os 21 millóns de investimento público-privado”.
Pedro Blanco detallou tamén o impacto en Galicia deste programa do Ministerio de Ciencia e Innovación, que xestiona o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación-CDTI con fondos do Plan de Recuperación. En concreto, apuntou o delegado, “Galicia recibe preto do 7% dos fondos concedidos na última resolución deste programa, e acada o sexto posto entre as comunidades en volume de impacto económico”, permitindo a participación das empresas galegas nestas dez investigacións xunto con outras empresas e centros de investigación e universidades do resto de España.
Sobre os proxectos con participación galega, o delegado sinalou que abranguen sectores estratéxicos como a seguridade, saúde dixital, a construción eficiente, a sustentabilidade da industria alimentaria (tanto en produción como nos envases), ou a loxística. Destacan os proxectos de tecnoloxías disruptivas en áreas como a fotónica, as aeroestruturas, a computación cuántica, a alimentaria, a sensórica, as emisións cero ou baixas emisións e a Intelixencia Artificial.
En total, o Ministerio de Ciencia e Innovación concedeu nesta convocatoria 83,5 millóns de euros de subvencións para impulsar 49 proxectos no conxunto de España, que mobilizarán un investimento público-privado de 134,7 millóns de euros. No caso de Galicia, os proxectos nos que participan as empresas galegas mobilizarán 21,2 millóns de euros, dos que 13,4 millóns son aportados polo Goberno de España dentro desta convocatoria.
Empresas participantes participantes
– Aeromedia UAV SL: 232.276,00 €
– Syspro Automation SLU: 313.344,08 €
– Adegas Valmiñor SL: 220.894,50 €
– Fujitsu Tecnology Solutions SA: 395.044,00 €
– Financiera Maderera: 440.026,20 €
– Madeiras Besteiro SL: 169.119,00 €
– Indutec Ingenieros: 84.708,00 €
– Técnicas de Soft SA: 282.230,26 €
– Industrias Proa SA: 254.760,01 €
– Sparc Foundry SL: 189.975,00 €
– Sparc Foundry SL: 160.580,60 €
– Optare Solutions SA: 208.766,74 €
– Sistemas Integrados de Servizos de Telecontrol SL: 244.886,78 €
– ENCE SA: 303.540,47 €
– Kaleido SCM SL: 153.018,78 €