2,6 millóns para proxectos galegos excluídos de Neotec

luns, 6 de xullo do 2026 Redacción

A Xunta destinará 2,6 millóns de euros a apoiar proxectos innovadores de empresas galegas que obtiveron unha alta valoración na última convocatoria Neotec do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación), pero que finalmente quedaron sen financiamento por esgotamento do crédito dispoñible. O obxectivo é impulsar iniciativas empresariais de especial calidade para garantir a súa viabilidade e evitar que queden paralizadas por falta de recursos.
Poderán beneficiarse destas axudas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP os plans de negocio de empresas tecnolóxicas de recente creación (startups) que desenvolvan produtos e servizos innovadores e que resultasen finalistas na convocatoria estatal. Trátase de proxectos intensivos en coñecemento e tecnoloxía, baseados en resultados da actividade investigadora realizada en Galicia. As destinatarias serán pequenas empresas con sede social ou centro de traballo permanente na Comunidade.
Con esta iniciativa, a Xunta reforza o seu compromiso coa I+D+i para consolidar o ecosistema galego de innovación e favorecer a creación e o crecemento de empresas de base tecnolóxica. As subvencións cubrirán actuacións desenvolvidas entre 2026 e 2028. A convocatoria publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro.

Axudas de ata 325.000 euros

As subvencións poderán solicitarse para proxectos anuais ou plurianuais. Ademais, valorarase de maneira especial a incorporación de persoal doutor ás empresas co obxectivo de reforzar a súa capacidade de xeración e transferencia de coñecemento. A contía máxima será de 325.000 euros por proxecto.
Como novidade, esta edición incorpora o financiamento de proxectos STEP (Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa), centrados en tecnoloxías consideradas críticas, como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou as tecnoloxías cuánticas. Estes ámbitos figuran entre as prioridades estratéxicas recollidas no Plan galego de I+D+i.

Galicia, única comunidade con esta liña de apoio

Co propósito de facilitar que as startups galegas accedan a máis financiamento e melloren a súa competitividade, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha hai cinco anos esta liña de subvencións, financiada con fondos FEDER 2021-2027. Galicia foi pioneira en 2021 coa creación deste programa de rescate e continúa a ser a única comunidade autónoma que mantén unha iniciativa destas características.
Desde a súa posta en marcha, o Executivo galego apoiou 34 empresas cun investimento de 11,7 millóns de euros, o que permitiu financiar máis de 220 postos de traballo en sectores como o TIC e o biotecnolóxico. Con esta nova convocatoria, dotada con 2.625.000 euros, o investimento acumulado da Xunta neste programa elevarase ata os 14,3 millóns de euros.
O emprendemento tecnolóxico constitúe un dos eixes do Plan galego de I+D+i 2025-2027, coa finalidade de fortalecer a economía do coñecemento e favorecer a consolidación de empresas de base tecnolóxica. No ámbito estatal, o programa Neotec do CDTI recibe cada ano un elevado número de solicitudes, polo que moitos proxectos ben valorados quedan sen financiamento por limitación orzamentaria.