2 millóns de euros en axudas para a modernización do comercio galego

mércores, 21 de agosto do 2024 Redacción

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria deste ano para a transformación dixital, a innovación e a modernización do sector comercial e artesanal. Así, distribúense máis de 2 millóns de euros entre máis de 400 beneficiarios de toda Galicia, máis dun 82% deles comercios e o resto obradoiros artesanais.
Esta orde de axudas está dirixida tanto a comercios retallistas como a obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
No marco da liña de dixitalización, incídese na implantación do comercio electrónico, mentres na de innovación búscase avanzar na implementación doutras aplicacións ou sistemas relacionados coas novas tecnoloxías para mellorar o negocio e a experiencia da clientela. Canto á liña de modernización, contempla reformas nos locais, obras para aumentar a eficiencia enerxética ou a adquisición de equipamento.